O Festival Atlántica reúne case unha corentena de narradores e esténdese a Portugal nesta edición

Ademais dos centros socioculturais, o Museo do Pobo Galego ou a cidade histórica, os contos chegarán tamén aos colexios

Lucía Mosquera, Mercedes Rosón, Soledad Felloza, Anxo Lorenzo e Xurxo Couto / concello

Lucía Mosquera, Mercedes Rosón, Soledad Felloza, Anxo Lorenzo e Xurxo Couto / concello / Ana Triñáns

Ana Triñáns

O Festival Atlántica volve a Compostela e a outros 23 concellos galegos e vaino facer entre o 1 e o 9 de xullo, con 42 espectáculos de 38 narradores procedentes de Cuba, Portugal, Cataluña, Zamora e Galicia. Antes diso, chegará Atlántica Miúdo, entre o 15 e o 21 de xuño, cun programa concibido para o público infantil en centros de ensino e bibliotecas de Santiago, entre outros municipios. Así o comunicaba onte a directora de Atlántica, Soledad Felloza, na roda de prensa que tivo lugar en Raxoi, xunto á concelleira de Acción Cultural en funcións, Mercedes Rosón; o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; e o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto.

Na súa presentación, Soledad Felloza salientou o carácter cada vez máis internacional de Atlántica, “non só polos convidados, senón tamén pola estrea de sede en Portugal, concretamente en Pitões das Júnias, onde o festival participará nos actos de conmemoración dos 750 anos da vila”. A directora e narradora congratulouse tamén de que Atlántica siga a afondar “no obxectivo de que a cultura de calidade non só é para as cidades e debe chegar ao rural”, de xeito que en total, nesta undécima edición do festival, representaranse máis de 80 funcións en concellos das catro provincias.

Despois de once anos, o festival segue fiel á súa filosofía, polo que a maior parte dos 38 artistas convidados son nacionais e mulleres. No programa figuran o cubano afincado en Colombia Pedro Mario López, os portugueses Luis Correia Carmelo, Rosa Gonçalves, Estefânia Surreira e Vitor Fernándes, a catalá Sherezade Bardaji e os zamoranos Charo Jaular e José Luis Guiérrez ‘Don Guti’. A lista complétase con case unha trintena de narradores galegos habituais do festival: Quico Cadaval, Cándido Pazó, Charo Pita, Vero Rilo, María da Pontragha, Celso Fernández Sanmartín, Anxo Moure, Atenea García, Bea Campos, Caxoto, Cris Collazo, Cris de Caldas, Dani Blanco, Paco Nogueiras, Ramiro Neira, Raquel Méndez, Raquel Queizás, Lidia Luna e a propia Soledad Felloza. Tamén haberá espazo para músicos como Ugía Pedreira, Pakolas, Luis Prego, Santi Cribeiro, Sonsoles Penadique ou Amor Herrera. E, por suposto, para especialistas doutros eidos que se converterán en narradores por un día nos roteiros, como xa é tradicional: Manuel Gago, Rebeca Blanco, Carlos Otero e Guillermo Llorca.

Ao igual que nas edicións previas, os contos do festival volverán soar en lugares emblemáticos do patrimonio galego, no caso de Santiago, sede primixenia de Atlántica, os lugares elixidos serán a zona histórica, o CSC Maruxa e Coralia, o Museo do Pobo Galego e os centros socioculturais dos barrios.

Os narradores que disertarán en Compostela serán Luís Correia e Pedro Mario López os días 3 e 4 de xullo nos xardíns do CSC Maruxa e Coralia; Rosa Gonçalvez no Museo do Pobo o xoves 6; Rebeca Blanco cun roteiro e Don Guti na Colexiata do sar o vernes 7; e Vero Rilo, no Castelo da Rocha o sábado 8 de xullo.

Noutros municipios, este evento decorrerá, entre outros, no Pazo de Goiáns de Boiro, no castro de Viladonga (Castro de Rei), nos lavadoiros da Penisqueira, en Ribeira, ou no Centro de Interpretación de Caldoval (Mugardos). Como novidade, neste ano, o festival convida a narradores que falan en primeira persoa da migración: a nivel emocional, artístico e literario, como poden ser Rosa Gonçalves, narradora protuguesa de orixe galega, “unha voz con historias de ida e volta”, o cubano Pedro Mario López, que leva trinta anos asentado en Colombia ou Amor Herrera, tamén cubana mais establecida en Galicia.

O programa inclúe dúas estreas absolutas, como no caso do último espectáculo de José Luis Guiérrez (‘Cando deus andaba polo mundo’, o 7 xullo na Colexiata de Sar de Santiago) e da proposta do dúo ‘En branca e negra’, formado por Cris de Caldas e Amor Herrera (‘Ida e volta’, o 7 xullo no Centro de Interpretación de Caldoval de Mugardos).

Cidades de conto

Ademais, este ano Santiago de Compostela entrou na Rede Europea de Cidades de Conto (European Network of Storytelling Sites and Towns, ENSST), unha asociación que busca agrupar a todos os lugares de Europa que teñen una relación forte coa narración oral, como é o caso da capital galega co Festival Atlántica. Este feito abre a porta a conexións con artistas e profesionais internacionais e engádese ás relacións xa establecidas polo festival cos encontros atlánticos de Portugal e da Bretaña francesa.

Esta rede, que se define como Homo narrans, potencia o nexo que supoñen os relatos orais entre persoas a comunidades. “Narrar, custodiar o patrimonio oral e difundilo contribúe a estreitar lazos entre os países, reforzando, no caso de Europa, o sentido de pertenza a unha estrutura común”, afirman no seu portal web. Ao identificar os “lugares de conto”, insisten “foméntase o estudo da historia europea en toda a súa diversidade e complexidade”.