A alcaldesa de Santiago non estará na Ofrenda ao Apóstolo o 25 de xullo, só nos actos institucionais

Goretti Sanmartín apoia a súa decisión na “aconfesionalidade” do Estado

“Respecto a súa decisión, outra cousa é que a comparta”, afirmou o arcebispo tras o encontro no pazo de Raxoi

Goretti Sanmartín recibe en Raxoi ao arcebispo de Compostela, monseñor Francisco Prieto

Javier Rosende Novo

Nun ambiente cordial e distendido, a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, e o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto, deron conta na mañá de onte na sala de prensa do Pazo de Raxoi da xuntanza que minutos antes mantiveron no despacho da Alcaldía. Un encontro no que ambos trataron cuestións que atinxen ás dúas institucións, Concello e Arcebispado, como a apertura de espazos eclesiásticos ao público, a musealización do Panteón Real ou reordenamento das colas para acceder á Catedral e, como non podía ser doutro modo, os actos de 25 de xullo, Día de Galicia e do Apóstolo Santiago.

“Nos próximos meses iremos traballando en cuestións como a apertura de espazos eclesiásticos para que a veciñanza e as persoas que nos visitan os poidan coñecer”, explicou Sanmartín. “Falamos tamén da necesidade de buscar sistemas que reordenen o acceso de visitantes á Catedral para evitar aglomeracións e falamos da posibilidade de utilización dalgúns espazos para usos veciñais”.

A alcaldesa agradeceulle a monseñor Prieto a visita, “a implicación e a colaboración nas cuestións que afectan ás dúas institucións”. Sanmartín aclarou que o Goberno local manterá “unha relación coa Igrexa co máximo respecto” por tratarse dunha institución “sen a que non se entende Compostela e que vincula moita veciñanza”. A edil tamén se referiu a que “a ninguén se lle escapa que esta institución constrúe a cidade e rexe unha boa parte da nosa riqueza cultural e patrimonial”. Así e todo, a alcaldesa afirmou que non asistirá aos actos relixiosos do 25 de xullo, cando a Casa Real realiza a Ofrenda ao Apóstolo.

Neste sentido, o arcebispo de Santiago matizou “respecto a decisión da alcaldesa, outra cousa é que a comparta”. Ante as palabras da rexedora, que considera “entendible” a súa decisión de non asistir á Ofrenda porque estamos nun “Estado laico”, monseñor Prieto reiterou o convite, “sempre terá as portas da Catedral abertas” por ser “a alcaldesa de todos”, del mesmo indicou, e pese a que vivamos nun Estado aconfesional reiterou que a rexedora tamén o é “da expresión da crenza de moita xente”. Sobre as demais cuestións deste “primeiro encontro de moitos”, asegurou o arcebispo, ambos teñen “unha responsabilidade representativa de poñer empeño naquilo que sexa mellor para a cidade”.

Sobre as aglomeración nos accesos ao templo falou monseñor Prieto e referiuse a que se van “estudar e buscar solucións con todo o que teña que ver coas entradas á Catedral” para xestionar co Concello a accesibilidade da basílica.

O arcebispo de Santiago tamén se referiu a outros edificios eclesiásticos, da cidade e do Camiño de Santiago. “Buscaremos a fórmula para que as igrexas poidan estar abertas fóra do horario de culto” e engadiu “o patrimonio hai que coidalo pero tamén facelo accesible.

Goretti Sanmartín reiterou a calidade de “anfitrioa” de Compostela nos actos do 25 de xullo e asegurou que a Corporación “xa se puxo a disposición da Casa Real” para organizar os actos institucionais co Rei “ou coa persoa na que delegue”.

A alcaldesa de Compostela e o arcebispo de Santiago, onte, no balcón do Pazo de Raxoi / Javier Rosende

A alcaldesa de Compostela e o arcebispo de Santiago, onte, no balcón do Pazo de Raxoi / Javier Rosende

Recoñecemento á veciñanza

Goretti Sanmartín anunciou tamén que este ano se suma a todos os actos do 25 de xullo un novo evento, que agardan que se consolide nos vindeiros anos.

Un evento “para recoñecer a veciñanza, o labor de persoas e entidades que destacan en determinadas áreas” e contribúen ao crecemento de Compostela, “Santiago como capital de Galicia ten que ter un evento propio” que axude a impulsar o tecido económico, cultural e social da cidade que “co tempo sexa referente de celebración en Compostela no día da súa festa”, recalcou.

A edil explicou que a celebración terá lugar xa o vindeiro día 25, pero non así o recoñecemento a entidades ou personalidades, por unha cuestión de tempos, xa que se debe rexer polo Regulamento local de títulos, honras e condecoracións. Ademais, a hora e as condicións do evento quedan pendentes “da organización” da visita do rei Felipe VI ou da persoa na que delegue para que o represente na Ofrenda ao Apóstolo Santiago, cuestión que aínda está pendente de informar dende Zarzuela, segundo explicou Sanmartín.

A visita do Papa Francisco

O arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto, recibiu o pasado 29 de xuño o palio metropolitano de mans do papa Francisco na basílica de San Pedro no Vaticano. A este respecto, o prelado manifestou o agradecemento de recibir o que definiu como “símbolo de comuñón co Papa e que representa a potestade e o ministerio dos arcebispos nas súas igrexas particulares, en comuñón fraterna cos irmáns bispos da provincia eclesiástica”.

Xa naquela ocasión, monseñor Prieto convidou o Papa a visitar Compostela e abrazar o apóstolo, cuestión pola que foi preguntando durante a súa comparecencia ao carón da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. O arcebispo referiuse á honra que supuxo recibir o palio na capela da Piedade en San Pedro do Vaticano, onde “acheguei de novo que Santiago Zebedeo estaba a agardando que de novo Pedro o visitase”, en referencia a que o papa de Roma é o sucesor de San Pedro. O arcebispo asegurou que o Papa acolleu “positivamente” o convite, “outra cousa son as condicións, as limitacións de mobilidade” que presenta actualmente o pontífice. “Confío en que se produza esa visita á cidade”, finalizou.