Abre o prazo para solicitar o uso das instalacións deportivas municipais de Santiago

As entidades interesadas en presentarse á convocatoria, poderán facelo ata o vindeiro martes 11 de xullo

A presentación de solicitudes para actividades extraescolares vinculadas aos centros de ensino estará aberta ata o 15 de setembro

Campo de fútbol de As Cancelas

Campo de fútbol de As Cancelas / Raxoi

ECG

Ata o 11 de xullo estará aberta a convocatoria de cesión de usos das instalacións deportivas municipais para actividades deportivas e físicas durante a tempada 2023/24. Debido á gran demanda destas instalacións, a Concellería de Deporte decidiu regular de xeito ordenado o procedemento para a recepción de solicitudes a través dun sistema de concorrencia que garanta un reparto o máis equitativo posible, quedando aprobadas as bases esta mañá polo executivo municipal. Trátase dun sistema de asignación de horas vinculado, preferentemente, a adestramentos, práctica deportiva federada, e actividades físicas e educativas para a tempada e/ou curso escolar 2023/24.

Poderán solicitar as instalacións deportivas municipais as entidades deportivas de Santiago de Compostela inscritas no rexistro municipal de asociacións e definidas polo artigo 40 de Lei del Deporte de Galicia: clubs deportivos, agrupacións deportivas escolares e seccións deportivas todas elas sen ánimo de lucro; as federacións deportivas; deportistas individuais con licenza federativa en vigor nas modalidades de atletismo e/ou triatlón para o caso concreto das pistas de atletismo do Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro; e asociacións en xeral de Santiago debidamente inscritas no rexistro municipal de asociacións.

Excepcionalmente poderánselle asignar horas para actividades nas instalacións deportivas municipais a entidades deportivas ou asociacións que non estean inscritas no rexistro municipal, sempre e cando queden horas sobrantes nesta convocatoria ou soliciten franxas horarias para as que non existe demanda por parte de entidades ou deportistas da cidade.

Presentación de solicitudes

Piscina do complexo deportivo de Santa Isabel

Piscina do complexo deportivo de Santa Isabel / CDN Ciudad de Santiago

A presentación da solicitude para as actividades deportivas de adestramento realizarase no prazo de 15 días naturais desde o día seguinte á publicación da convocatoria na páxina web municipal do Concello de Santiago e na do Departamento de Deportes, que empezou a contar o pasado 27 de xuño.

A presentación de solicitudes para actividades físicas extraescolares estará aberto ata o 20 de setembro, para facilitar a incorporación das actividades vinculadas cos centros de ensino.

Con respecto ao prazo para a presentación de solicitudes individuais para o uso das pistas de atletismo do Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro, estará aberto durante toda a tempada deportiva, pero coa autorización condicionada á dispoñibilidade e capacidade de ocupación.

Deberase presentar unha solicitude por cada entidade e por tipo de instalación onde deberá ordenar as preferencias de días e franxas horarias para adestrar. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, ao longo de toda a tempada 2023/24, calquera entidade que reúna os requisitos desta convocatoria poderá presentar unha nova solicitude que será valorada sempre que exista dispoñibilidade e aínda que este procedemento fose resolto.

Distribución das horas

Campo de fútbol do complexo deportivo de Santa Isabel

Campo de fútbol do complexo deportivo de Santa Isabel

O procedemento polo que se distribuirán as horas das instalacións deportivas municipais terá en conta un baremo de prioridades: 1º nivel de prioridade para actividades directas ou de colaboración municipal, lectivas obrigatorias, e aquelas que aglutinen a persoas con discapacidade; 2º nivel de prioridade para adestramentos de ámbito federativo e as vinculadas co deporte escolar da Xunta de Galicia e un 3º nivel de prioridade para as actividades físicas e propostas deportivas recreativas e competitivas non oficiais.

Como norma xeral distribuiranse horas de luns a venres entre as que non estean reservadas pola Concellería de Deportes para os desenvolvemento das súas propias actividades ou programas municipais. As horas para competición serán reservadas semanalmente segundo os calendarios oficiais de competición e dispoñibilidade existente, valorando a demanda que exista.

A cesión de horas farase por instalación deportiva, tendo en consideración o horario de apertura establecido, o tipo de actividade que mellor se acomode a cada unha delas segundo as súas características e, tomando como referencia, a carga horaria reservada para o mesmo fin e entidade durante a tempada 2022/23 considerando os ascensos e descensos.