Luz verde á liquidación final de gastos derivados do transporte público urbano do ano pasado

O PP critica á alcaldesa por deixar este servizo en mans de Xan Duro, “artífice desta desfeita”

Parada de autobuses en la rúa do Horreo

Parada de autobuses en la rúa do Horreo / Antonio Hernández

Redacción

A Corporación municipal deu onte luz verde, no marco dunha sesión plenaria extraordinaria, á liquidación das contas de 2022 coas empresas de transporte urbano de viaxeiros Autos Carballo, Autos Garabanxa, Hermanos Ferrín, Autocares Rías Baixas e a UTE Autobuses Urbanos de Lugo e Trap. En total, o Concello desembolsará pagamentos por valor de 853.113,42 euros para liquidar as contas pendentes.

Na súa intervención, o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, explicou que esta liquidación é “necesaria, entre outras cousas, para poder solicitar a subvención do transporte colectivo urbano de viaxeiros para as entidades locais que outorga o Ministerio de Transporte e Medio Ambiente cuxo prazo remata o 17 de xullo”.

Tamén detallou que debe ser o pleno o que aprobe estas liquidacións co fin de “poder imputar ao orzamento vixente obrigas derivadas de gastos que se levaron a cabo en exercicios anteriores”. Para isto, é necesario “constatar que a prestación se levou a cabo, nas condicións determinadas polo Concello”, neste caso sen contrato previo ao ser un servizo prorrogado desde 2017, “e propoñer unha indemnización substitutiva a favor do operador polo importe dos gastos ocasionados pola realización da prestación”, así como a existencia de dotación orzamentaria para tal fin, que “tamén temos, pois aprobouse un expediente de crédito suplementario para facer fronte aos gastos derivados das liquidacións”, engadiu o edil.

Xan Duro detallou que o Concello efectuará pagamentos por “un total de 853.113,42 euros” para cubrir gastos derivados dos servizos prestados por cinco empresas de transporte urbano ao longo do 2022. En concreto, o Concello aboará 263.090,76 euros a Autos Carballo S.L.U., polos gastos xerados polo servizo de transporte urbano de viaxeiros da liña urbana entre a Porta do Camiño e a Peregrina e Grixoa; 69.370,34 euros a Autos Garabanxa S.L. polo servizo de liña de transporte urbano entre a rúa da Rosa e o Polígono do Tambre; e 99.464,78 euros á empresa Hermanos Ferrín S.L., pola liña entre Santiago e Villestro.

Esta liquidación tamén cubrirá os gastos xerados polo servizo de transporte urbano de viaxeiros da liña 6 entre San Roque e Aríns, realizado por Autocares Rías Baixas S.L. e que ascende a 46.661,45 euros, así como o servizo de transporte urbano colectivo de viaxeiros 2022, a favor da UTE Autobuses Urbanos de Lugo y Trap, S.A., por un importe de 374.526,09 euros.

O concelleiro do Partido Popular Adrián Villa denunciou a “falta de rigor” de Goretti Sanmartín ao “darlle o control do transporte público de Santiago aos artífices da desfeita que están a sufrir os usuarios deste servizo”. O popular subliñou que o BNG, “lonxe de cumprir o prometido “durante a campaña electoral onde “repetían” que para eles o transporte “ía ser unha prioridade e agora se quitan de enriba este servizo e pásanlle a pataca quente a Compostela Aberta, ao señor Xan Duro, un dos principais responsables de que este servizo estea sen contrato e funcionando en precario”.

Villa remarcou que “queda claro que, para o Goberno de 6+2, xestionar mal ten premio, xa que está perfectamente demostrado que Compostela Aberta o fixo mal e volven a ter as competencias do transporte público”.

Así, o popular incidiu en que, tal como se están facendo as cousas, ao “Goberno de perdedores sempre lles queda facerlle un recoñecemento aos seus socios, PSOE e CA, pola súa ‘boa xestión’ do transporte urbano, nese Alba de Compostela que se sacaron da manga”.

Na súa intervención, tamén vaticinou que “terán que pasar anos para que os santiagueses conten cun trasporte público digno”, xa que “despois de oito anos de ‘gobernos amigos’ seguimos cun contrato caducado e agora suspendido por un recurso de 5 empresas”.