Alba de Compostela: o informe do secretario municipal aviva a polémica polo acto do 25-X

O goberno local di que o texto recolle que a Alcaldía é o órgano competente para convocar actos púbicos oficiais e Verea pídelle a Goretti Sanmartín que “deixe de facer o rídiculo”

Muíños (terceiro dende a esquerda) e Verea xunto a Sanmartín o día da investidura

Muíños (terceiro dende a esquerda) e Verea xunto a Sanmartín o día da investidura / Antonio Hernández

O Alba de Compostela, o evento de homenaxe a persoas e entidades de relevancia no crecemento da cidade, que convocou para o 25 de xullo o Goberno local (no Teatro Principal ás 13.15 horas) segue a dar que falar entre a oposición, que acusa á alcaldesa, Goretti Sanmartín de querer realizar “un acto do BNG, para xente do BNG”, segundo Borja Verea, e que debera escoller outra data, como pode ser “a Ascensión, a nosa festa, a festa picheleira”, para Gonzalo Muíños.

A polémica continou este mércores a raíz do informe emitido polo secretario xeral do pleno, José Manuel González. A aparente disparidade de criterios na interprertación do texto, onde a oposición ve que a alcaldesa non pode outorgar títulos e honras sen seguir o procedemento establecido no Regulamento local, mentres Goretti Sanmartín defende que ten “competencias para organizar e convocar actos públicos de carácter conmemorativo de homenaxe”, débese ao que popularmente se coñece coa frase: “Cada un fala da feira segundo lle vai nela”. É dicir, goberno local e oposición estanse a referir a cousas distintas, concretamente, a aquelas que si lles dan a razón.

Segundo o informe enviado desde o Concello de Santiago ao mediodía de onte, o secretario xeral do pleno responde a dúas cuestións. Unha primeira, a solicitude de sete concelleiros de PP e PSdeG e unha segunda a petición da Alcaldía. A oposición solicitaba información sobre a aplicación do Regulamento, particularmente sobre se é a Alcaldía ou o Pleno da Corporación quen ostenta as competencias para outorgar “títulos, honras e condecoracións”. Mentres, Alcaldía preguntaba se o goberno municipal “ten potestade para organizar e convocar o acto Alba de Compostela (...) fóra do marco do Regulamento de títulos”.

A estas cuestións diferenciadas, o funcionario do Concello respondía que é o Pleno quen ten a titularidade para outorgar honras a “persoas ou entidades que prestasen servizos destacados á cidade”, mentres para a Alcaldía só quedarían os recoñecementos de “ilustre visitante” e a entrega da “chave de ouro” da cidade.

Mais no tocante á potestade do goberno local para realizar o evento Alba de Compostela, José Manuel González explica que “non impide esta distinción, ao meu xuízo, o feito de que os actos púlbicos oficiais poidan implicar algún tipo de recoñecemento que, en todo caso, non terá consideración de título, honra ou distinción”. E sobre este punto, pón como exemplo a recepción pública da Corporación “a un equipo deportivo que vén de acadar un determinado logro e que, usualmente, leva aparellado un intercambio de agasallos”.

En referencia a isto último falaba en rolda de prensa o líder dos populares de Santiago, Borja Verea, que cualificaba o informe do secretario xeral do pleno como “demoledor e explícito” para tildar as condecoracións de “ilegais” e explicitando que facer esa entrega de distincións “sabendo que é ilegal ten un nome no Código Penal e facer calquera gasto sería desvío de caudais públicos”. Verea expresou que a súa formación agarda, neste sentido, que Sanmartín “pida desculpas por tentar atentar non só contra a lei, senón contra a nosa emotividade e simboloxía”.

O portavoz socialista, Gonzalo Muíños, seguía a mesma liña de interpretación dos informes, “dános a razón, nin a señora Sanmartín nin o goberno teñen competencia para crear un recoñecemento”, dicía. Mais o PSdeG outorgáballe máis importancia á data de celebración, “defendemos que esta festa de recoñecemento do noso podía facerse calquera outro día, por exemplo na Ascensión, as nosas festas, a festa máis picheleira”. Muíños, insistía nesta liña apelando a palabras da alcaldesa de Santiago: “Non ten sentido facelo nun día no que Sanmartín recoñeceu que está ateigado de actos”, afirmaba o portavoz socialista para poñer o foco en que “desmerece os premiados e desvirtúa o acto”, mentres convidaba á alcaldesa a “rectificar, pedir desculpas aos homenaxeados e dicir que se retrasa o acto”.

Alén de compartir coa prensa o informe do secretario xeral do pleno, a alcaldesa Sanmartín referiuse á interpretación do informe do seguinte xeito: “O problema é que houbo unha mala lectura do informe, o que di é que hai que seguir un procedemento e un expediente naquelas honras que están dentro do regulamento de ‘honras e condecoracións’, pero este acto non está dentro do mesmo”.

Os protagonistas

Lonxe das polémicas e das dispares interpretacións da legalidade e idoneidade de celebrar a Alba de Compostela, o evento segue adiante, para o día 25 no Teatro Principal. Alí, a partir das 13.15 horas, recoñecerase a achega que fixeron á cidade, dende os seus respectivos campos de traballo: o cóengo Daniel Lorenzo, os equipos femininos de Hóckey Club Raxoi, a psicóloga María Rosa Álvarez e hostaleira Ánxeles González Porto.

O primeiro deles, Daniel Lorenzo é o responsable da dirección da Fundación Catedral; mentres Rosa Álvarez é a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e directora técnica do Plan Sociocomunitario de Vite. Ánxeles González, máis coñecida como ‘Angi’, propietaria do pub Borriquita de Belém, é tamén membro da AC Cidade Vella.