O ferreiro compostelán Chago Martínez dota o Museo Casa de la Troya dun novo aspecto

“Este traballo no Museo Casa de la Troya é tan especial como o da Catedral ou de calquera edificio histórico”, subliña o ferreiro

O novo cartel de forxa tipo bandeira do Museo tamén se realizou seguindo as técnicas tradicionais

O novo cartel de forxa tipo bandeira do Museo tamén se realizou seguindo as técnicas tradicionais / Cedida

Redacción

O Museo Casa de la Troya, ubicado na rúa da Troia de Compostela e que este ano conmemora o seu 30 aniversario, acaba de rematar as obras de conservación e mantemento deste edificio do século XIX. En particular, leváronse a cabo unha serie de actuacións na fachada do inmoble, centradas na reparación dos balcóns, a restauración das carpinterías e a colocación dun expositor -para informar sobre os horarios e actividades do museo- e dun cartel de forxa. 

O presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, Benigno Amor, sinala que “aínda que todos os anos facemos algún traballo de conservación e mantemento, redobramos esforzos para poñer en marcha un ambicioso plan de conservación e mellora".

Benigno Amor xunto a Chago Martínez diante do Museo Casa de la Troya

Benigno Amor xunto a Chago Martínez diante do Museo Casa de la Troya / Cedida

“Estamos especialmente orgullosos do novo cartel de ferro, que acometimos con fondos propios. Ademais de acubillar a tradición universitaria musical, considero que o museo debe seguir sendo representantivo de traballos e oficios artesanais composteláns que veñen dunha tradición que merece ser amosada e apoiada para que siga transmitíndose", salienta Amor.

Traballos 'made' in Santiago

O ferreiro compostelán Chago Martínez foi o encargado de realizar os traballos de restauración dos balcóns e da elaboración do cartel e o expositor de forxa. En relación aos balcóns, explica que “se desmontaron e os trasladamos ao taller, onde se levou a cabo todo o proceso de restauración seguindo as técnicas tradicionais, de xeito totalmente artesanal, a man. Aproveitáronse todos os materiais orixinais que foi posible. Logo fixámolos á pedra con chumbo, sen soldaduras, tal como se fixo na Catedral ou no Pazo de Raxoi”. Asegura que as técnicas tradicionais contribúen a que as restauracións aguanten máis sen necesidade de intervención ao longo do tempo.

“Este traballo de restauración no Museo Casa de la Troya é tan especial como o da Catedral ou de calquera edificio histórico"

Chago Martínez

— Ferreiro compostelán

“Este traballo de restauración no Museo Casa de la Troya é tan especial como o da Catedral ou de calquera edificio histórico, os procesos técnicos son os mesmos. Os oficios tradicionais que realizan os artesáns baséanse en que as cousas fanse para que duren e, cun pouco de mantemento, perduren no tempo, tendo en conta ademais a calidade dos materiais antigos” –apunta o ferreiro–.

O novo cartel de forxa tipo bandeira do Museo tamén se realizou seguindo as técnicas tradicionais. “No caso histórico dunha cidade Patrimonio da Humanidade como Santiago de Compostela non podemos pendurar carteis de lona, só de pedra, madeira ou forxa; e cómpre seguir a normativa tanto no deseño das pezas como na súa elaboración. Por tanto, non empregamos pinturas sintéticas nin acrílicas, senón unha pintura oleosa a base de aceite, que presenta moita resistencia fronte aos cambios térmicos” –sinala o ferreiro Chago Martínez–.