O persoal dos centros cívicos de Santiago manterá as condicións laborais previas á subrogación

O Xulgado do Social obriga a Serviplus e a Atlantic Ponte a aplicar o convenio colectivo que tiñan coa empresa Ferrovial

Protesta dos traballadores dos centros cívicos de Santiago de Compostela /cig

Protesta dos traballadores dos centros cívicos de Santiago de Compostela /cig / natalia sequeiro

Victoria xudicial dos 79 traballadores dos centros cívicos de Santiago. Trala demanda interposta polo sindicato CIG, recuperarán as condicións laborais que tiñan antes de ser subrogados. A central nacionalista informou onte que o Xulgado do Social nº 1 de Santiago vén de estimar integramente a reclamación contra as novas concesionarias da Xestión da Rede de Centros Socioculturais da cidade, Serviplus Total S.L. e Atlántic Ponte 2000 SLU.

“Na sentenza emitida declárase o dereito do persoal afectado polo conflito colectivo a que se lles aplique o convenio de Ferrovial Servicios S.A. até a expiración deste convenio ou até a entrada en vigor dun novo”, explica a CIG. O 27 de setembro de 2022 o sindicato presentaba demanda de conflito colectivo. As novas empresas adxudicatarias deste servizo —dividido en lotes—, que comezaron a prestación o día 1 de xullo de 2022, comunicaron a subrogación aos traballadores e traballadoras adscritas ao servizo, tal e como se contemplaba nas plicas. Porén empeoraban as súas condicións laborais. Serviplus Total SL e Atlantic Ponte 2000 SLU aplicaron o III convenio colectivo marco estatal do sector de ocio educativo e animación cultural.

A CIG entendía que o convenio de aplicación nos centros socioculturais do Concello de Santiago no momento da transmisión era o de Ferrovial, anterior adxudicataria, “tanto por imperativo legal, como pola necesidade de manter as condicións de traballo do persoal afectado pola subrogación”. Tamén recalca que esta condición viña recollida, ademais, nas propias plicas do concurso. A xustiza ven agora de darlles a razón.

Para a CIG-Servizos a responsabilidade neste caso “non é unicamente das empresas, senón tamén do anterior goberno municipal —liderado por Xosé Sánchez Bugallo e do concelleiro Javier Fernández, que precisamente dimitiu a causa deste conflito— do momento no que é quen redacta as condicións do concurso, adxudica a concesión e ten que facer cumprir as plicas”.

A CIG-Servizos entende que de ter o concello asumido a súa responsabilidade fronte ás empresas “teríase evitado todo o conflito laboral e social que provocou o cambio unilateral, por parte das adxudicatarias, das condicións laborais e sociais do persoal dos centros cívicos”.

A central sindical agarda ademais que as concesionarias non presenten recurso e, dunha vez por todas, regularicen as condicións do persoal segundo o convenio de aplicación, abonando as cantidades adebedadas desde que tomaron posesión da concesión.