Primeiro paso para a reforma integral do complexo polideportivo de Santa Isabel

Luz verde a unha partida de 85.000 euros para a dinamización do pequeno comercio local

Piscina do complexo deportivo de Santa Isabel

Piscina do complexo deportivo de Santa Isabel / CDN Ciudad de Santiago

Redacción

A xunta de goberno local aprobou onte o expediente de contratación dos servizos de redacción de proxecto e dirección facultativa da obra de rehabilitación integral do complexo deportivo de Santa Isabel, cun orzamento base de licitación de 353.131,99 € (base impoñible de 291.844,62 € máis IVE do 21% de 61.287,37 €) e abrir o procedemento de adxudicación. Este contrato está financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR)así coma polo Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP).

Esta obra únese á do pavillón de Vite, cuxa actuación “comezará en xaneiro de 2024”, sinalou a alcaldesa, que lembrou a importancia de ambos proxectos, cun orzamento global de 4,3 millóns de euros. En concreto, as obras de mellora e renovación do complexo deportivo Santa Isabel terán un custo total de 2,97 millóns de euros, dos cales 2,34 millóns se corresponden coa axuda do goberno e 634.754,21 euros, coa achega do Concello. Esta reforma permitirá mellorar a eficiencia enerxética, a sustentabilidade, a accesibilidade, a habitabilidade, a seguridade e a conservación do complexo deportivo.

Entre outros asuntos, o executivo municipal tamén aprobou a concesión de axudas para actividades de promoción e dinamización comercial por un total de 85.000 euros. Desta cantidade, a Fundación Fundación Santiago Centro Área Comercial recibiu 19.268,88 euros; Compostela Monumental, 24.567,49; a Asociación Punto Compostela CCA, 20.426,46; a Asociación Em-Rede. Rede de iniciativas empresariais de Santiago e comarca, 4.174,20 euro; e a Asociación de artesáns e comerciantes Ourives de Compostela, 16.562,97 euros.