Luz verde ao proxecto para a rehabilitación integral do pavillón municipal de Vite

Disponse dun orzamento total de 1,3 millóns de € // O prazo de execución previsto é de seis meses

Recreación do interior do pavillón

Recreación do interior do pavillón / Concello

A Xunta de Goberno local aprobou onte o proxecto técnico básico e de execución para a rehabilitación integral do pavillón municipal de Vite –cunhas instalacións que datan da década dos 90– cun orzamento global de 1,3 millóns de euros e un prazo de execución de seis meses.

En concreto, levarase a cabo a construción dunha nova envolvente, a base de chapa ondulada microperforada cor branca, máis lixeira e permeable, sobre a que se practican unha serie de ocos, a fin de introducir a luz natural e mellorar a relación interior-exterior do edificio. Tamén se impermebilizará a cuberta para facilitar o seu illamento, conservando o soporte existente, pero renovando canlóns e baixantes. Os actuais lucernarios serán substituídos por novas placas de policarbonato celular opal a fin de recuperar a iluminación natural e evitar deslumbramentos.

A maiores, acadarase un importante aforro enerxético mediante a substitución de luminarias por outras con tecnoloxía LED, substitución de acumuladores eléctricos de produción de ACS por bomba de calor de alta eficiencia e a instalación de paneis fotovoltaicos para autoconsumo, reducindo considerablemente o consumo actual do edificio. Nos vestiarios, que non contan con ventilación nin calefacción, exponse un sistema de ventilación con recuperación e calefacción. Coas melloras na busca da eficiencia enerxética do edificio prevese que se poida reducir o consumo de enerxía primaria arredor dun 45 por cento.

Co obxectivo de resolver os problemas funcionais, de accesibilidade e seguridade de utilización dedicarase unha partida ao traslado dos aseos públicos á cota das bancadas; á mellora dos diferentes accesos, eliminando banzos intermedios e incluíndo a reelaboración da rampla situada na fachada sur para que as pendentes cumpran a normativa; a localización da conserxería na cota intermedia; a redistribución de vestiarios e dependencias auxiliares da planta baixa; a incorporación de catro prazas adaptadas nas bancadas, dúas no nivel inferior e dúas no superior; a colocación de novas barandas, sinalización, etc.

A proposta nace dun estudo exhaustivo do estado actual e do funcionamento do edificio, así como da procura dunha posta en valor do equipamento dentro do tecido urbano. O principal obxectivo é resolver os problemas existentes relacionados coa presenza de humidade, a funcionalidade, a accesibilidade, as instalacións, así como o estado dos equipamentos deportivos.

POSTA EN MARCHA DA OFICINA DE TRANSFORMACIÓN DIXITAL

··· A Xunta de Goberno Local adxudicou onte o contrato que ten por obxecto a prestación do “servizo de oficina de transformación dixital” á empresa Indra Soluciones Tecnológicas de la Información SLU, por un importe, IVE engadido, de 501.735,80 euros, e un prazo de dous anos. A Oficina de Transformación Dixital ten por obxectivo fundamental garantir o éxito no proceso de aplicación da administración electrónica, impulsala e achegar a administración á veciñanza en termos dixitais en loita continua fronte á fenda dixital, segundo un comunicado do Concello. Outra faceta importante é a orientación de cara á veciñanza, co obxecto de acompañala e habituala nos procedementos dixitais, vencendo as reticencias e facendo máis doada a súa relación co Concello.