Bailar como táboa de salvación: Herdanza promove unha residencia artística con Ana Beatriz Pérez

Terá lugar entre o 4 e o 8 de septembro e está destinada a bailaríns ou estudantes de danza entre 18 e 35 anos de vida

Ana Bearriz Pérez durante unha actuación

Ana Bearriz Pérez durante unha actuación / pacodlacorte (cedida)

Entre o 4 e o 8 de septembro, un grupo de bailaríns poranse nas mans da directora da compañía La Guajira, Ana Beatriz Pérez. Cunha ollada posta no filme Danzade, Danzade Malditos —a película que mellor reflectiu a época da Gran Depresión de 1929—, crearán unha proposta que se presentará no marco do Festival Herdanza, que no vindeiro mes de setembro volverá a encher as rúas e prazas composteláns de coreografías contemporáneas.

A organización do festival informou este luns de que abren o proceso para participar na residencia artística. Desenvolverase en Santiago entre os días 4 a 8 de septembro en horario de 10.00 a 14.00 horas. Búscanse bailaríns de entre 18 e 35 anos de idade, tanto profesionais como estudantes ou amateurs da danza para poñerse nas mans da coreógrafa cubana, pero afincada na Coruña, Ana Beatriz Pérez. O resultado creativo da residencia presentarase nunha data por determinar, pero previsiblemente será o día 8 ou 9 de septembro, explican os organizadores do festival.

Durante a residencia usarase como motivación a situación que viven os personaxes da película Danzade, Danzade Malditos —dirixida por Sidney Pollack— “reflexo dunha época en que a crise dun país facía eco noutras crises morais e emocionais”, indica Herdanza. A temática do proceso de creación falará de “manterse a frote, crebarse o xusto, sen chegar a caer e nese caso, recuperar o alento e esperar o tempo que faga parte para volver levantarse. “Bailar como táboa de salvación, confiar na resistencia dun corpo e duns atributos identitarios que dean vantaxe ao opoñente. O ser humano en estado continuo de supervivencia, baixo o desexo de manterse en pé, de abrirse paso a un presente digno que lles permita evitar a caída, nunha sociedade que os avoca a caer”, engaden. Durante a residencia artística os bailaríns tratarán de atopar os movementos precisos para transmitir esa “necesidade imperiosa de dotar de sentido as nosas vidas”, explica a organización, “aínda máis cando o mundo se pode vir abaixo e o resto das cousas que facemos podan parecer un chiste, existe un motor interno que se mantén activo, o impulso humano de sobrevivir a catástrofe”.

O grupo de bailaríns será guiado no proceso creativo por Ana Beatriz Pérez, graduada na Escola Nacional de Artes da Habana, na especialidade de danza moderna e folclórica (1984-1991). Durante dez anos foi integrante da compañía de Danza Contemporánea de Cuba, coa que participou en varios festivais nacionais e internacionais e diversas xiras artísticas por América e Europa, alcanzando o título de primeira bailarina. No ano 2001 trasládase a España convidada pola Compañía Druiza de Danza. Tamén bailaría con Experimenta Danza e Trespasando coa que obtivo dous premios de coreografía e participou en diferentes festivais. No ano 2006 entra a fomar parte da Compañía Entremáns ata actualidade. Neste momento é tamén a directora da compañía La Guajira, con sede na Coruña. Pérez participou entre 2006 e 2009 en tres produccións do Centro Coreográfico Galego, Vacuo de Maruxa Salas, O Quiosco das almas perdidas de Roberto Oliván e Giseliña de Cisco Aznar. A coreógrafa encargouse tamén de crear e interpretar xunto con Armando Martén os segmentos de danza da obra teatral 0,7% Molotov da compañía Teatro de Ningures.

Os interesados en participar na residencia artística teñen ata o 27 de agosto para enviar un mail a herdanzafestival@gmail.com adxuntado nome, data de nacemento e curriculo ou material audiovisual.