Volve o Laboratorio de economía circular, esta vez centrado na cativada local

#EuCompost_ela trae a súa segunda edición á cidade entre os días 4 e 7 do mes de setembro

Crear reciclando é un dos obxectivos de #EuCompost_ela / CEDIDA

Crear reciclando é un dos obxectivos de #EuCompost_ela / CEDIDA / A.T.

O Concello de Santiago bota a andar no vindeiro mes, coa colaboración da Unión de Consumidores de Galicia (Ucgal), a segunda edición do Laboratorio de economía circular destinado “a concienciar a cativada e adultos” pero centrado, entre o 4 e o 7 de setembro, na xente máis nova. O laboratorio busca concienciar a cidadanía na importancia dun “consumo responsable e solidario co medio” e procura que a cativada participante aprenda “sobre economía circular a través da experimentación e da creación artística in situ.

A iniciativa vaise desenvolver en “sete estacións” que teñen por obxectivo “alongar a vida útil de diferentes obxectos”. Desta maneira o calendario do proxecto desenvolverase, totalmente de balde e en horario de 17 a 19 horas cada día, nos seguintes escenarios: no acceso principal do Centro Comercial As Cancelas, o 4 de setembro; no parque infantil da Alameda compostelá, o 5 de setembro; na praza Roxa, o día 6; e na área de Santa Marta-Conxo, o día 7 de setembro.

A organización do laboratorio de economía circular pón a disposición de quen queira participar unha inscrición previa a través da páxina da web da unión de consumidores Ucgal.

Eu_Compostela é un proxecto que busca fomentar entre as persoas consumidoras do Concello de Santiago un coñecemento máis profundo da economía circular, para que sexan conscientes da necesidade de facer un consumo responsable e sostible, e da importancia de reciclar correctamente.

O faladoiro ‘Arredor da economía circular’, o concurso de TikTok e a xincana ‘Conecta coa economía circular’ ou a exposición Os Benfeito fan Compost_ela son algunhas das accións desenvolvidas ao abeiro deste proxecto, que naceu en 2021. Dende ese momento o proxecto #EuCompost_ela centrouse na divulgación a través de iniciativas coma vídeos de boas prácticas, o faladoiro de economía circular ou a Feira da economía circular e das boas prácticas.

O fomento da compostaxe, individual e colectiva, así como a creación de actividades para a rapazada son algunhas das outras iniciativas deste proxecto do Concello e Ucgal. Este é o caso de ‘Se as árbores falaran’, unha actividade que reuniu a ciencia coa e música articulada en dúas partes: por unha banda unha charla animada ao redor da ecoloxía e da economía circular para os rapaces e rapazas de seis a 12 anos, cunha duración aproximada de 30 minutos a cargo do músico Paco Nogueiras, condutor da actividade; e pola outra banda, un concerto a cargo da banda ISEO A Moura, con títulos homónimo, ‘Se as árbores falaran’ e de 60 minutos de duración.