Os populares redobran a ofensiva

Pisos turísticos: o PP de Santiago presenta un documento que "demostra que Sanmartín minte"

Dende o PP de Santiago destácase que nese documento o BNG fala de "abrir unha xanela" para todas aquelas VUT que antes de marzo de 2021 estivesen dadas de alta no REAT da Xunta e cumprisen a norma do PXOM vixente entón poidan optar a desenvolver a súa actividade

O PP de Santiago insiste no "doble discurso" do BNG ao respecto das Vivendas de Uso Turístico (VUT). Despois do enfrentamento entre Borja Verea e a alcaldesa Goretti Sanmartín pola suposta legalización de preto dun milleiro de VUT que proxecta o goberno local, María Baleato, voceira dos 'populares' compostelanos, achegou o documento presentado polo BNG no Parlamento galego a finais do pasado ano "e non defendido polo Bloque" ante os demais deputados, para evidenciar esta intención. Posto que o citado documento solicita "abrir unha xanela" para permitir que as VUT que en marzo de 2021 cumprisen coa normativa puidesen retomar a actividade.

Dende o PP de Santiago destácase o feito de que se apele no documento ás VUT dadas de alta no REAT (Rexistro de Actividades Turísticas) da Xunta e cumprisen a norma do PXOM (Plan Xeral de Ordenamento Municipal) vixente e á mención a esa "xanela" para certificar as palabras do seu líder, Borja Verea, que denunciaba a intención do goberno local de legalizar preto dun milleiro de VUT. "O pasado 30 de agosto a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, dixo que Borja Verea mentía", insistiu Baleato.

Baleato insiste en que Sanmartín minte e "unha alcaldesa que minten non é de digna de seguir sendo alcaldesa". Así, exixen que explique o "discurso dicotómico", que por un lado é "turismofóbico" cos visitantes que recibe Santiago e polo outro procuran legalizar mil VUT. O PP insiste tamén en que as VUT non son un problema para Santiago, senón "unha oportunidade, incluso, para revitalizar a cidade histórica".

Preguntada sobre esta cuestión, Goretti Sanmartín -que compareceu en rolda de prensa para dar conta dos acordos da xunta de goberno- explicou que a intencionalidade da proposta presentada no Parlamento era a de incluír na norma reguladora das VUT "unha disposición adicional que se centrase neses usos preexistentes". Unha vez que se aprobou o PXOM , di Sanmartín, "consideramos que non procedía o debate e agora traballamos na Ordenanza municipal reguladora de usos preexistentes".

A alcaldesa insistiu en que se trataba de resolver a situación destas VUT "de inicio" dende o Parlamento e que ao non ser así "traballamola dende a ordenanza municipal".

En referencia ás acusacións do PP, Sanmartín insistiu en que "hai cuestións que caen por si soas, e hai xente que non ten proxecto político e enrédase con determinadas cousas". "Borja Verea", engadiu, "declarou que tiña coñecemento dunhas conversas, pero as partes implicadas nese diálogo negaron as súas palabras, está claro quen mente". Referíase así á negación, a semana pasada, tanto do goberno local coma da Plataforma das Vivendas de Uso Turístico, de que existise un compromiso de legalización dun milleiro de VUT.