Sanmartín agarda receptividade na súa reunión con Rueda o vindeiro 2 de outubro

Sobre esta xuntanza, na que se falará da taxa turística e doutros temas relacionados coa vivenda e co rural, a alcaldesa di que “esperamos que todos os grupos remen a favor”

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, no salón de prensa do Pazo de Raxoi / Jesús Prieto

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, no salón de prensa do Pazo de Raxoi / Jesús Prieto / Ana Triñáns

A alcaldesa de Santiago fixo referencia, durante a rolda de prensa deste luns, da súa xuntanza co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, marcada para o día 2 de outubro e na que se tratarán cuestións coma a taxa turística e asuntos relativos á vivenda e ao saneamento no rural. “Nós enviamos ao gabinete técnico a nosa proposta sobre a taxa turística e cremos que hai tempo suficiente de aquí ao 2 de outubro para que o que se poña na mesa sexa unha proposta definitiva”, explicaba Sanmartín.

“Imos con toda a vontade de achegar posicións, se hai propostas sobre o que nós presentamos por suposto que as teremos en conta”, explicaba en referencia a posibles achegas ou indicacións por parte da Xunta. Mais dende o goberno local, recalcou Sanmartín, “entendo que é razoable para a inmensa maioría da poboación de Santiago, para contribuír a sufragar os gastos dos servizos públicos como limpeza, residuos... É lóxico que non saia unicamente do peto de composteláns, senón tamén das persoas que nos visitan”. Nesta liña a edil nacionalista asegurou que esta taxa “é algo que acontece en moitas cidades do mundo e que ninguén deixa de visitar, e ninguén vai deixar de visitar Santiago”.

Pero a alcaldesa tamén quixo aclarar que son varias as propostas que van poñer enriba da mesa e que, nese sentido, “ esperamos que todos os grupos políticos remen e que interveñan tamén para que o PP da Xunta asuma varias destas iniciativas”. Unhas iniciativas vencelladas ás políticas de construción de vivenda pública, ao plan de dinamización de vivenda baleira... ou ao incremento da cantidade asignada a Santiago no Estatuto da capitalidade.

“Unha débeda histórica”, afirmou Sanmartín, “porque segundo un estudo que xa hai e que imos actualizar recibimos menos da metade do que nos corresponde”.

Goretti Sanmartín tamén insistiu na necesidade de “aumentar a partida para o Consorcio para que Santiago poida fixar poboación” e que a institución poida continuar coas axudas para rehabilitación.

Outras das cuestións postas sobre a mesa de cara á xuntanza do 2 de outubro pasan polo “prometido” novo edificio para a Escola de Idiomas, a ampliación do Conservatorio Profesional de Música ou a creación do Conservatorio Profesional de Danza. “Queremos saber se está prevista xa algunha partida de cara aos orzamentos de 2024”, manifestou.

A alcaldesa rematou a súa comparecencia aludindo ao Pacto polo rural e a que “o rural de Santiago ten moitas necesidades e é lóxico e razoable que desde a Xunta se faga unha achega para naqueles núcleos importantes que non teñen abastecemento e saneamento poidamos ir solucionando algo”.

Espazo Apego e rehabilitación de firmas de vías urbanas

A alcaldesa de Santiago deu conta, coma cada luns, das decisións adoptadas pola xunta de goberno local. Entre elas a máis destacada é a aprobación do expediente de contratación do Servizo de Dinamización Espazo Apego, cun orzamento de base de 223.686.55 euros (ive incluído). “As actividades do Espazo Apego, de dinamización do uso do galego como lingua inicial, manteranse mentres non se adxudique o contrato”, afirmou Sanmartín.

A xunta de goberno tamén autorizou a recepción das obras de pavimentación de viarios interiores en Carlexo e A Braña da Silvouta, en Villestro, e de San Xordo e A Sionlla, en Sabugueira.

E continuando coas obras tamén se propuxo a aprobación do proxecto de Rehabilitación de firmes de vías urbanas para 2023. Un plan adxudicado ao enxeñeiro de Camiños Gilberto Rodríguez, cun orzamento total de 358.535,10 euros e cun prazo de execución de catro meses. “As actuacións”, explicou a alcaldesa, “levaranse nos viarios das rúas da Presa, Pilar Miró, Campo de Santa Isabel, Vite de Abaixo, San Caetano, Tambre, Casa da hedra, Travesa da Casa da Hedra e avenida das Burgas”. A superficie estimada para estas obras abrangue arredor de 17.780 metros cadrados.