Santiago acollerá en outubro de 2024 o congreso de Intelixencia Artificial máis importante de Europa

O Citius, como organizador, agarda reunir a máis de 1.000 investigadores

Cracovia será a sede desta cita para este ano

El CiTIUS trabaja ya en la organización de ECAI 2024, el congreso sobre Inteligencia Artificial más importante de Europa.

El CiTIUS trabaja ya en la organización de ECAI 2024, el congreso sobre Inteligencia Artificial más importante de Europa. / A.R.

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) acollerá en outubro de 2024, por segunda vez en catro anos, o congreso ECAI (European Conference on Artificial Intelligence) despois do éxito alcanzado na edición dixital do ano 2020, que con motivo da pandemia se celebrou de xeito online conectando a máis de 5.500 participantes de 120 países diferentes e contou con medio millar de horas de contidos audiovisuais que foron retransmitidos con sesións en tempo real. “Foi o primeiro e único congreso dese tamaño celebrado en 2020 sobre intelixencia artificial que se conseguiu levar a cabo grazas ao esforzo de todos os organizadores, e non só do propio Citius”, manifestou en conversación con EL CORREO Alberto Bugarín, copresidente do comité organizador xunto a Senén Barro.

Cumprirase así na capital galega os cincuenta anos deste congreso, promovido pola Asociación Europea para a Intelixencia Artificial (EurAI) e organizado por primeira vez en 1974 no Reino Unido. Ademais, o evento coincidirá coa previsible próxima aprobación do Regulamento en IA da Unión Europea, a primeira lei deste tipo a nivel mundial

Xa este ano, o congreso, que pasa a ser de ser de caracter bianual a anual, celebrarase en Cracovia (Polonia) do 30 de setembro ao 4 de outubro. Unha representación do Citius estará presente para ver como se desenvolve e “facer algo semellante”. Asimesmo terán que informar á Ásociación Europea de Intelixencia Artificial das previsións e deseño do congreso para o vindeiro ano. 

Agárdase que a ECAI 2024 reúna a máis de 1.000 investigadores e investigadoras de todo o mundo, así como entidades, organizacións e empresas de ámbito global, co fin de presentar e debater sobre os últimos avances científico-técnicos, o futuro da IA e as súas aplicacións.

Senén Barro y Alberto Bugarín (izquierda) en la reunión de ayer en  el CiTIUS, junto a los investigadores Carles Sierra, Francisco Melo y  Ule Endriss (derecha).

Senén Barro y Alberto Bugarín (izquierda) en la reunión de ayer en el CiTIUS, junto a los investigadores Carles Sierra, Francisco Melo y Ule Endriss (derecha). / A.R.

Bugarín pon en valor “o impacto numérico na cidade e o ter a oportunidade de poder ver os avances e resultados máis recentes, demostracións e ferramentas que nos presenten non só os centros de investigación nos departamentos, senón tamén empresas e institucións. Ademais, confirma que, dende o comité organizador “estamos moi comprometidos con organizar actividades para a cidadanía en xeral de modo que a nosa contorna, non só a de Santiago senón de toda Galicia, poida aproveitar esta oportunidade de ter aquí investigadores e investigadoras de primeira fila e ter acceso a eles”.

Despois dunha serie de encontros, este luns celebrouse unha reunión presencial no Citius na que participaron os responsables do contido do programa de ECAI 2024, Ulle Endriss (Universidade de Amsterdam, Países Baixos) e Francisco de Melo (Instituto Superior Técnico de Lisboa, Portugal); o responsable xeral da conferencia, Fredrik Heintz (Universidade de Linköping, Suecia); o presidente de EurAI, Carles Sierra (Institiuto de Investigación en IA, CSIC); e os presidentes do comité organizador, Senén Barro e Alberto Bugarín, os dous profesores da USC. 

Nese encontrou falouse da estrutura do congreso que contará con sesións plenarias, semi plenarias, científicas ou workshops. A maiores vai haber unha zona de exhibición para empresas e institucións “para que poidan presentar os seus futuros resultados” e actividades orientadas tamén ás persoas máis novas. Os distintos responsables citados tamén visitaron físicamente os espazos nos que se vai a desenvolver o congreso. Trátase do Palacio de Congresos, a Cidade da Cultura, ou algúns centros da Universidade de Santiago, como a Facultad de Ciencias da Educación. “As visitas realizáronse para que poideran facerse a idea de que temos unha magnífica infraestrutura e unha magnífica cidade para ofrecer aos participantes desta cita”, aclarou.

Alberto Bugarín salienta a importancia que ten para a cidade, a USC, o Citius e Galicia en xeral, a organización deste evento destacando a importancia cada vez maior da intelixencia artificial. “Hai un ano ningúen coñecía o ChatGPT, e de aquí ao vindeiro ano o previsible é que aparezan cousas que agora mesmo nin imaxinamos. Con todo, imos ter a oportunidade de presentalas ou discutilas no congreso”, aclarou. 

O feito de que Santiago sexa o epicentro da Intelixencia Artificial mundial en outubro do vindeiro ano coincidindo no tempo co medio século de vida do congreso permitirá, en palabras de Bugarín, “ver un pouco como foi a historia nese periodo de tempo da intelixencia artificial en Europa e facer algunha previsión de como pode ser o futuro destas tecnoloxías e modelos”.