A maxia e o circo atraen ao Gaiás un público sen medo á choiva

A Cidade da Cultura acolleu este sábado unha nova edición do festival 'Cidade Imaxinaria'

Unha cita para toda a xornada, con espectáculos e actividades para toda a familia que congregou máis de 20 compañías nacionais e internacionais

Un momento do espectáculo ‘Jump cut’

Un momento do espectáculo ‘Jump cut’ / Jesús Prieto

Compostela despediu o verán por todo o grande. Máis alá das festas de Conxo ou da Rúa de Baixo (coñecida tamén como rúa do Espírito Santo), as instalacións do monte Gaiás acolleron unha nova edición do festival ‘Cidade imaxinaria’. Un evento cargado de actividades, maxia, circo, teatro e acrobacias para toda a familia e unha cita ideal nas vésperas da volta ao cole, que animou a que as familias non temesen as previsións meteorolóxicas.

A pesar da choiva, o espectáculo debía continuar e así foi, buscando unha mellor ubicación para algunha das actividades ou movendo os horarios logo do ballón que caeu pola tarde. Nesta cita, que se iniciou en 2011 e que se celebrou até 2019, por mor da interrupción da pandemia, volveu agora, de novo de balde, en horario de 11 a 19 horas, posto que a chuvia obrigou a rematar unha hora antes. Houbo unha breve parada para xantar entre as 14.30 e as 16 h., algo que tamén se podía facer na mesma Cidade da Cultura, xa que ademais dos espazos de actividades e espectáculos había postos para petiscos e bebidas.

‘Cidade imaxinaria’ contou con cinco espectáculos de pista, cuxos escenarios estaban instalados na Praza Central do Gaiás e no Xardín Teatro, onde decorreron shows coma o da compañía catalana Col.lectiu TQM, VoloV. Acrobacia aérea, danza e música en directo executada por seis artistas, dous músicos multiinstrumentais e catro acróbatas aéreos e bailaríns. VoloV fixo as delicias de pequenos e maiores. “Sabía que existía este festival pero nunca viñera”, comentaba un pai que asistiu ao festival acompañando a súa filla Arale, que explicaba sobre VoloV, “gustoume moito e tamén había música”.

O clown estivo moi presente non Gaiás / Jesús Prieto

O clown estivo moi presente non Gaiás / Jesús Prieto

Ademais de acrobacias, ‘Cidade imaxinaria’ tamén contou con catro funcións itinerantes, como a dos músicos portugueses Fanfarra Káustika, que percorreron cos seus ritmos diversos recunchos do Gaiás. E o festival tampouco esqueceu as zonas de xogos, tres en total, nas que se congregaban diversas actividades de entretemento, con xogos tradicionais e circenses, papaventos, xogos de enxeño e mesmo unha “escoliña de circo”.

Aitor Garuz, da Nave do Circo situada nas Cancelas (Circonove), clásica xa neste festival, explicaba as actividades que prepararon para a edición 2023. “Estamos facendo obradoiros de circo, onde os rapaces poden vir probar o que facemos na Nave, temos dúas estacións de malabares, outras dúas de aéreos nas que unha é de teas e outra de trapecio, acrobacias de salto...”. Entre os malabares que podían probar grandes e pequenos había mazas, paus chinos, bólas... “Normalmente os adultos proban malabares pero subirse a un aéreo dálles máis vergoña”, comentaba Garuz.

A compañía madrileña Bambolea Producciones tamén tiña o seu lugar para xogos como “hinchadores, anillas a la botella, latas, la caravana con los canalones para carreras de barcos, el martillo de fuerza y juegos de ingenio”, explicaba Esther, unha das membros da compañía en referencia a Circus feria a actividade que onte trouxeron á Cidade da Cultura, a onde xa acudiran noutras edicións con outros espectáculos.

Circus feria é un show ao modo das antigas feiras de circo, no que “pueden participar niños y mayores, en cualquier caseta, no hace falta que encesten ni que lo hagan bien ni mal, al participar en tres juegos se les regalan palomitas”.

O festival contou tamén con funambulismo / Jesús Prieto

O festival contou tamén con funambulismo / Jesús Prieto

‘Cidade imaxinaria’ contou cunha vintena de compañías procedentes de Galicia, pero tamén de Cataluña e Madrid, Valencia, Portugal, Italia e Bélxica. E precisamente deste país chegou o espectáculo Jump Cut da compañía Double Take Cinematic Circus, integrada por dous actores e acróbatas e unha persoa na técnica.

Jump cut é, en palabras da súa protagonista, a acróbata estadounidense Summer, “un espectáculo de acrobacia nun sofá xigante que tamén é trampolín, e arredor xira un tren eléctrico”. O que Double Take trouxo onte ao Gaiás foi a versión breve deste espectáculo, 25 minutos de maxia acrobática que buscaban levar o público a “una reflexión sobre dos cosas: como hacer un espectáculo desde diferentes ángulos y como hacer una cosa extraordinaria con cosas ordinarias”, conta o outro protagonista de Jump cut, Rafa, procedente de Francia. “É a nosa primeira vez aquí e estamos encantados”, destacaba Summer, cuxa actuación se desenvolveu ás 16.15 horas, “o ambiente é moi bo, moita xente, moita enerxía... unha sensación de estar chea de vida”, engadiu. Tamén na quenda da tarde desenvolveuse o espectáculo H da compañía catalá La Corcoles, unha danza en equilibrio sobre un cabo de funambulismo, “un baile de forzas para revelar as debilidades e necesidades dos seus protagonistas para existir”.

Os italianos Duo Kaos escenificaron Time to loop, tamén un show de acrobacias, desta volta en bicicleta. E para rematar cos espectáculos circenses, The incredible box, de La Tal, compañía tamén catalá, que actuaron en quenda de mañá e repetiron para clausurar o festival. Un home bala, espadas que atravesan un espazo cunha persoa dentro… para compoñer unha función chea de cambadelas, trucos que saen mal e, por suposto, tropezos.

‘Cidade imaxinaria’ non esqueceu os máis pequenos, bebés de 0 a 3 anos para os que se instalou un espazo multisensorial, organizado por Risotadas, co obxectivo de estimulalos a través das cores, os sons e as texturas.