Ana Pontón comprométese a trasladar as demandas de Santiago ao Parlamento

A construción de vivenda pública, a implantación da taxa turística e o incremento orzamentario correspondente polo Estatuto de capitalidade foron os temas a debate

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, xunto á portavoz do BNG, Ana Pontón en Raxoi / Antonio hernández

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, xunto á portavoz do BNG, Ana Pontón en Raxoi / Antonio hernández / Ana Triñáns

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, recibiu na mañá deste xoves no Pazo de Raxoi a portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón. Unha visita que dende o goberno se nomeou como institucional e que levantou as críticas dos grupos da oposición dende o mesmo momento do anuncio.

A rexedora e a deputada nacionalistas compareceron diante dos medios logo da súa xuntanza para dar conta dos temas tratados, entre os que os máis destacados foron a necesidade de construír vivenda pública, a implantación da taxa turística e incrementar a dotación orzamentaria que lle corresponde á cidade segundo o Estatuto de capitalidade. Aínda que tamén se falou de conseguir “a dotación necesaria de infraestruturas e equipamentos, como o Centro de Día de Fontiñas, o novo edificio da Escola de idiomas, o Centro de Saúde de Conxo, a Escola infantil de Santa Marta ou o Conservatorio de Danza”, apuntou a alcadesa.

Sanmartín tamén se referiu á EDAR da Silvouta, “o concello necesita achegas doutras administracións, proxectos centrais para a cidade, como a EDAR para que se comprometan cun incremento da partida, ou o Parque Comarcal de Bombeiros” onde pide que entren Xunta e Deputación da Coruña.

En canto aos tres asuntos máis destacados da xuntanza, Ana Pontón afirmou o seu compromiso e o “do BNG de trasladar as demandas da cidade ao Parlamento galego”. “Pasou o tempo das promesas, é necesario que a Xunta se comprometa. Levaremos ao Parlamento estas tres prioridades”, explicaba a líder do BNG, que recalcou, sobre a construción de vivenda pública, que “as 24 vivendas do Castiñeiriño xa tiñan que estar rematadas e hai o compromiso de construír 36 vivendas en Lamas de Abade”.

Pontón, que acusou á Xunta de “dinamitar” a política de vivenda, tamén reinvidicou a implantación da taxa turística como “unha medida necesaria para a sobrecarga que causa o turismo na cidade e que non recai na veciñanza só, senón que contribúa quen nos visita”.

Por último, en relación ao Estatuto de capitalidade, Ana Pontón reivindicou “un financiamento acorde cos gastos que implica a capitalidade, a achega é duns 2,4 millóns de euros pero xa no 2013 se dicía que a cifra real era case a triple”.

Acusan a Sanmartín de converter o Concello na sede do BNG

Pola súa banda, a oposición coincide en criticar a visita da portavoz do Bloque e nega a institucionalidade da cita. Tanto o Partido Popular (PP) coma o Partido Socialista de Santiago (PSOE) coincidiron en denunciar o encontro entre a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a portavoz do BNG, Ana Pontón, por parecerlles que lonxe de ser unha visita institucional, como a calificaron dende o goberno local, supoñía un uso partidista da Alcaldía compostelá.

O líder do Grupo Popular, Borja Verea, referiuse á cuestión da institucionalidade da cita dicindo “chámanlle reunión institucional, polo que a pregunta segue aí, a que institución representa Ana Pontón?”. Verea denunciaba que “o partido político que goberna a cidade con menor apoio popular da historia de Compostela parece empeñado en querer converter o Concello na sede local do BNG”. Borja Verea, que xa hai uns días dixo que Sanmartín estaba a converter o Concello na “axencia de colocación do BNG” volveu lembrar que “teñen máis asesores e con maiores soldos que o goberno de Sánchez Bugallo, cando teñen moitísimos menos edís”.

Por parte do PSOE, o seu portavoz Gonzalo Muíños apuntaba a unha confusión de Sanmartín. “Confunde institución con partido e fai da Casa do Concello a casa do BNG e sábeo”. “A señora Sanmartín é consciente da utilización partidista que hoxe fixo da institución que preside e de que a señora Pontón non representa a ningunha institución. Anque tampouco sorprende cando está a confundir o Pleno da corporación coa asemblea do BNG, que é quen realmente ten a última palabra en cada cuestión desta cidade”, denunciou Gonzalo Muíños.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, membro de Compostela Aberta, tamén foi preguntando ao respecto da visita de Ana Pontón ao Pazo de Raxoi. Duro indicou que “a alcaldesa ten dereito a recibir a quen considere e calquera cidadán pode pedir unha xuntanza coa alcaldesa”. “Calquera tipo de diálogo con calquera partido político sempre é útil, Santiago como capital ten que ser referente de diálogo, pola nosa parte non hai problema en recibir a quen queira achegarse”, concluíu.