Compostela ‘móllase polos ríos’ e recolle 100 kg de lixo do Sarela

Adega congrega as familias nunhas actividades de limpeza, na zona da Peregrina e de Galeras ata o Carme con Semente Compostela e tamén nas beiras do Sar coa colaboración da AFA Montessori

A Asociación pola Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) celebrou onte unha nova limpeza do Sarela dentro da campaña ‘Móllate polos ríos’, e xa van aló dezaseis. Nesta iniciativa, incluída no Proxecto ríos, participaron 52 concellos de toda Galicia. No caso de Santiago, realizáronse limpezas no Sarela, nas áreas da Peregrina e entre Galeras e o Carme, organizadas por Adega Compostela, e no Sar baixo a coordinación da Asociación de Familias de Alumnos (AFA) Montessori, escola situada nas inmediacións da Colexiata de Santa María a Real de Sar.

As persoas participantes nesta edición -familias de cativos de Semente Compostela- recolleron un total de 100 kilos de lixo do río Sarela, entre Galeras e algo máis alá do Carme de Abaixo. As protagonistas, en especial nesta última área foron as toalliñas, onde se atopou un cúmulo delas, ademais de compresas e tampóns.

Ante a importante afluenza de voluntarios, Itziar Díaz, coordinadora da actividade de Adega, explicou que “algúns anos hai menos xente, cando chove, pero cun día coma o de hoxe adoita haber bastante participación”. “A mecánica da actividade consiste en camiñar polas dúas beiras do río recollendo todo o lixo que atopemos, tamén hai xente con botas de auga que vai tentar meterse nalgunha zona polo cauce do río, para retirar certos elementos, pero nunca arriscando, para non mancarnos”, comentaba Díaz antes de comezar a andaina río abaixo.

O traxecto realizado, depende por un lado, da cantidade de cúmulos de lixo que se van atopando, e polo outro, de en que punto os máis cativos comezan a estar cansos. Regrésase polo camiño percorrido “para repasar e verquer o lixo nos colectores”.

O grupo que se congregou na mañá de onte no Parque de Galeras para comezar a limpeza do río buscaba “que as nosas fillas se vaian concienciando da importancia de manter limpos os ríos e tamén de que é unha responsabilidade colectiva e das consecuencias de tirar o lixo por aí”, explicaban as familias. Moitas delas xa non era a primeira vez que participaban nesta iniciativa ecolóxica.

É o caso do concelleiro de Sustentabilidade ambiental, Xesús Domínguez, que leva dende hai máis de sete anos participando nesta limpeza, “vinte ou trinta anos” practicando a mesma actividade tamén noutros lugares, “como en Forcarei, nunha limpeza do río Lérez ou do río Umia en Ponte Arnelas” (Vilanova de Arousa). O edil, que tamén se achegou até a limpeza que se realizou na zona da Peregrina, contaba que“o río en xeral está bastante limpo, porque xa son moitos anos con labores de limpeza, sempre vai aparecendo algún resto que queda enterrado logo dunha riada, ou que non demos quitado outras veces”.

Máis aló do “traballo” do propio río, o efecto do vento é importante, pois aqueles que están máis á beira poden emborcar ou sufrir “desbordes”. “Atopas plásticos, botellas, ás veces atopas unha batería, unha pota vella... algún enser de mobiliario doméstico...”, relataba Domínguez, que puntualizaou que a cantidade de lixo “foi indo a menos”, anque hai anos había algún “punto negro por onde está a Casa do Patín, porque os desbordes dos colectores acaban caendo ao río”.

A xestión dos gobernos municipais tamén contribuíron a unha maior limpeza do Sarela, “o Concello ten contratada con Viaqua unha limpeza anual dos ríos”, explicaba Domínguez, que considera que o feito de habilitar paseos, como acontece tamén nas Brañas do Sar, provoca unha tendencia “a conservar mellor, aquilo ao que somos accesibles e podemos gozar tendemos a coidalo, a xente que vai faino con carácter lúdico pero tamén ambiental, igual que facemos nas praias, se queres gozar dun espazo limpo e agradable acabas recollendo máis lixo que o que xeras”.

Proxecto ríos no ensino

Dentro das actividades desta iniciativa de Adega (Proxecto ríos) tamén as hai orientadas aos centros de ensino, que se desenvolven na primavera e no outono. Trátase de achegarse ao río, medir a súa anchura, a profundidade das augas, analizar se hai bosque de ribeira e logo, “unha das cousas que máis impresiona os cativos”, di Xesús Domínguez, buscan macroinvertebrados (libélulas, lesmas, cabaliños do demo, larvas, etc.), que son os que realmente van indicar se a calidade da auga é boa ou non en función do seu número e da súa variedade, xa que eles son tamén a vida dos nosos ríos.