Verea defende a riqueza que xeran as VUT e pide que se analice como afectan á vivienda

O popular reclama no Parlamento a Xunta, Goberno e Fegamp que realicen un estudo

Panorámica de Santiago de Compostela

Panorámica de Santiago de Compostela / Jesús Prieto

Redacción

O portavoz de Turismo do Grupo Popular, Borja Verea, avogou onte no Pleno do Parlamento galego porque a Xunta, o Goberno central e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) elaboren un estudo sobre a afectación das vivendas de uso turístico (VUT) na accesibilidade á vivenda residencial e na calidade dos espazos urbanos. Segundo informa o PP nun comunicado, Verea afirmou que as vivendas de uso turístico “son unha fonte de riqueza e temos a obriga de saber aproveitala”, porque asegurou que “xa hai visitantes que so viaxan a vivendas de uso turístico, polo que non podemos prohibilas con carácter xeral e teñen que estar no mix turístico”.

Ademais, apuntou que estas VUT son “un bo instrumento para conseguir a rehabilitación de moitos edificios en zonas históricas, por suposto sempre con control e ordenación”. Na súa intervención, cuestionou ao BNG “se están a favor de regular, limitar, estudar e controlar as vivendas de uso turístico, polos seus efectos no mercado da vivenda, como puxeron de manifesto nunha proposición non de lei que rexistraron hai menos dun ano; ou están a favor da legalización masiva, como anunciaron en Santiago de Compostela”, un anuncio que desmentiu en reiteradas ocasións a alcaldesa Goretti Sanmartín. O portavoz popular rexeitou que as VUT “sexan as culpables da falta de vivenda e da desnaturalización dos cascos históricos, como manifestan no caso de Compostela, porque a zona histórica leva perdendo habitantes de xeito constante nos últimos 20 anos, e naquela data non había vivendas de uso turístico”.