Lucía Freitas recibe un dos Premio Comer de La Vanguardia polo seu proxecto social 'Amas da Terra'

A iniciativa ten por propósito recoñecer esas mulleres invisibilizadas que segundo a chef son "o sostén da gastronomía e do territorio"

Lucía Freitas, del restaurante compostelano A Tafona

Lucía Freitas, del restaurante compostelano A Tafona / Archivo

A cociñeira compostelá Lucía Freitas vén de recibir un dos Premios Comer, importantes galardóns de gastronomía que outorga o xornal La Vanguardia, e que este ano celebraron a súa terceira edición.

Neste caso, o premio Orixe quixo recoñer 'Amas da Terra', “un proxecto innovador social, cultural e gastronómico único e revolucionario”, segundo as palabras da condutora da gala, a xornalista gastronómica Cristina Jolonch.

Produtoras, gandeiras, redeiras, mariscadoras, artesás, percebeiras, cociñeiras de casas de comidas ou comedores escolares, esas mulleres invisibilizadas que segundo Lucía precisan ter un recoñecemento que non teñen, mellorar as súas condicións de traballo e vida, poñer en valor os seus coñecementos e a importancia do capital en canto á custodia e o legado da gastronomía real.

Como di a chef “desviar o foco que teño por ser unha estrela michelín e poñelo nelas, que son o sostén da gastronomía e dun territorio. E crear para a infancia e xuventude referentes femeninas de oficios, saberes e proxectos anclados no rural”.

Recibiu o premio de mans da cociñeira Fina Puigdevall, do restaurante Les Cols, de dúas Estrelas Michelin en Cataluña, e compartiu evento co resto de premiados, proxectos tan importantes como a Fundación Alicia (C de Ciencia), o fotógrafo de gastronomía Francesc Guillamet (M de Mirada), Montse Serra ( premio especial á atención en sala) e os cociñeiros Ricard Camarena (E de Esencia) e Karlos Arguiñano, que recibiu o premio Especial 2023 pola súa trayectoria divulgadora e comunicadora.

Ferrán Adriá, Paco Pérez, Xavier Pellicer, Oriol Castro ou Joan Roca foron outros dos responsables de entregar os diferentes premios.

A compostelá Lucía Freitas, Estrella Michelin, dous Soles Repsol e galardoada como a Chef do Futuro 2022 pola Academia Internacional de Gastronomía, segue coa súa ascendente traxectoria, mesturando a faceta de cociñeira coa de activista social e cultural de alcance global, pero coa súa terra no epicentro “sempre dende Galicia para o mundo".