“Temos a vontade de adquirir algún edificio na zona vella para uso residencial”

O concelleiro de Urbanismo participou onte nas ‘Xornadas de vivenda colaborativa dende a economia social’, organizadas por La Germinadora no CSC de Fontiñas

Guiomar Vargas, Iago Lestegás, Carmela Cons, Alejandra Pérez e Miguel de la Peña / CEDIDA

Guiomar Vargas, Iago Lestegás, Carmela Cons, Alejandra Pérez e Miguel de la Peña / CEDIDA / Ana Triñáns

Ana Triñáns

O Centro Socio Cultural (CSC) de Fontiñas acolleu onte as ‘Xornadas de vivenda colaborativa dende a economía social’, unha iniciativa financiada cos fondos europeos Perte e impulsada pola cooperativa catalá Perviure e da súa incubadora de acompañamento a proxectos de vivenda en cohabitación La Germinadora. A xornada contou coa participación do ‘Grupo galego de vivenda colaborativa’, en asociación con REAS (Rede de Economía Alternativa e Solidaria) e coa participación do edil de Urbanismo de Santiago, Iago Lestegás, e da alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez.

Na mesa de apertura do evento, Lestegás falou de que “os poderes públicos teñen a obriga de velar polo dereito á vivenda”. Na liña da cesión do uso (do solo ou de vivendas para rehabilitación destinadas á vivenda colaborativa) afirmou que o goberno local ten vontade pública para destinar soar municipal para este tipo de iniciativas, así como o obxectivo “a curto prazo de adquirir algún edificio da cidade histórica para rehabilitar e poñer en uso residencial”, directamente ou a través de iniciativas coma as protagonistas da xornada. O edil do BNG confía en que se poida incluír unha partida para esta meta nos orzamentos do próximo ano.

Iago Lestegás achegou datos como que entre 2014 e 2023 o prezo medio do alugueiro aumentou un 37,7%, e nos últimos cinco anos ese incremento foi do 26,6%, “algo tan significativo que cumpre os requerimentos da nova lei estatal de vivenda para ser considerada zona tensionada”. O edil tamén explicou que hai unha oferta residencial “claramente insuficiente”, e sinalou que un dos factores, “non o único” é o uso turístico, así como lembrou a cifra de máis de 6.000 vivendas baleiras no concello, levando á reflexión de “se é necesario construír máis”.

A outra política da mesa, a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, explicou a situación expecial do concello, próximo á área metropolitana da Coruña, e cun Plan Xeral de Ordenamento Municipal (PXOM) en modificación dende o ano 2010. Bergondo, que xa conta coa colaboración de Perviure e La Germinadora, ten por obxectivo incluír nese PXOM a posibilidade de crear en diversos terreos municipais proxectos de vivenda colaborativa, co obxectivo de revitalizar o concello.

Dende a organización das xornadas, Guiomar Valdés explicou o funcionamento da organización que representa e exemplificou diferentes iniciativas xa en funcionamento no resto do Estado como Entrepatio, La Renegá, Trabensol ou Cal Cases. Valdés defendeu o “empoderamento e o fortalecemento da cohesión social, tamén co territorio” que concelvan este tipo de iniciativas de convivencia en comunidades, “que facilitan o apoi a colectivos vulnerables, reforzan o tecido económico e social”, máis alá de seren “sostibles, eficientes e solidarias”.

Miguel de la Peña reivindicou, dende o Grupo galego de vivendas colaborativas, “que as administracións conten con estas comunidades como un factor máis a ter en conta porque o seu potencial é enorme”. De la Peña tamén se referiu ao que supón este modelo de convivencia se pensamos no “avellantamento poboacional, porque o modelo de residencia pública non dá, e o da privada dá para quen dá”. Segundo o Banco de España, en dez anos, apuntou De la Peña, o número de mozos con vivenda propia pasou de ser do 69% a tan só o 36%. Este tipo de vivendas, forxadas na economía social e na necesidade de reverter na comunidade, “reducen os espazos individuais en favor dos colectivos, o que abarata os prezos e facilita o acceso á vivenda para a xente máis nova”.

Bases da vivenda colaborativa

A vivenda colaborativa réxese polos principios de democracia, inclusión, participación e coidado mutuo das persoas que a habitan. Os residentes “non son unha suma de individualidades que deixa os integrantes da cooperativa co rol dunha veciñanza clásica que non sempre se coñece”, puntualizan desde o ‘Grupo galego de vivenda colaborativa’. En Galicia, din, a “ilusión e o esforzo” do traballo asociativo fai pensar que o modelo avanza cara á consolidarse.