StreetViewCompostela: capturando o costumismo nos camiños que bordean Santiago

Sara Giunta leva anos documentando a vida cotiá no municipio a través das imaxes captadas polo automóbil de Google

Esta fin de semana proxectará o seu traballo na Fundación Luís Seoane e na Filmoteca de Galicia dentro do VII Festival Foco

Unha muller tendendo a roupa ao sol nunha leira, un home lavando as mans nun pilanco de formigón, outro con boina, fouciño ao ombro e unha machada na outra man a carón dunha fonte de pedra, dous nenos tocando o tambor nun día de verán na solaina da casa… Son algunhas das escenas de vida cotiá documentadas por Sara Giunta nas zonas limítrofes da cidade de Santiago: "nas marxes entre o urbano e o rural. Parecen moi de aldea, pero están a carón da cidade", comenta a artista.

Foi nas aulas da Universidade de Santiago, sendo estudante de Historia da Arte, onde Sara atopou inspiración no proxecto Nine Eyes, de Jon Rafman, que empregaba imaxes de Street View de Google Maps. Esa experiencia e "un estado mental bastante precario" levouna en 2019 a crear @streetviewcompostela, unha conta de Instagram que documenta a vida cotiá en Santiago de Compostela a través das imaxes captadas polo automóbil de Google: "Foi unha vía de escapatoria, unha especie de terapia que me permitiu coñecer a cidade desde o confort da miña casa".

A conta, que comezou como un simple diario visual para a súa contorna próxima, gañou popularidade e conta con ao redor de 1.800 seguidores. Nela, Sara embarcouse nunha procura constante de momentos interesantes mentres explora as rúas dixitais da cidade: "Gústame moito unha imaxe de dúas rapazas en actitude moi cariñosa ás que non lles borraron as caras. É un momento moi íntimo. E paréceme moi especial, de feito é a miña favorita, a dunha señora colgando a roupa cos pés descalzos nun eido".

A pesar de que as imaxes foron capturadas por un automóbil equipado con cámaras, Sara consegue sacar a autenticidade na cotiandade que retratan. O seu enfoque céntrase en atopar a beleza nesa naturalidade das escenas. Aínda que as imaxes proveñen dunha fonte dixital, Sara esfórzase por infundir estética en cada foto, buscando composicións visuais que resaltan a singularidade de cada momento: "Procuro non intervir moito nas imaxes, intento retocalas o mínimo posible: subirlles o brillo ou baixar a calidez para que teñen unha apariencia homoxénea no feed, pero nada máis".

Proxección en FFOCO

Este proxecto levou a Sara a participar no VII FFoco, o festival de fotografía que se celebra esta fin de semana na Coruña: "Foi unha sorpresa total. Contactáronme Amador (Lorenzo) e Juan (Varela) -os coordinadores do festival- porque coñecían o traballo e estou encantada. Levo tempo seguindo o festival e ademais este ano estará Vicente Fraga, que é dos meus fotógrafos favoritos, así que é unha grande alegría para min estar".

Sara participa este sábado, 11 de novembro, xunto a unha escolma de autores galegos, nunha nova sección de proxeccións que será dobre, na fundación Luis Seoane e na Filmoteca de Galicia, para afondar neses pequenos camiños que bordean Compostela e que nos falan da nosa identidade.