Matinais de Nadal: o Concello oferta 210 prazas nos centros socioculturais de Santiago

O prazo de solicitude comeza o próximo luns, 13 de novembro

O concelleiro Xan Duro foi o encargado de presentar o programa

Desenvolverase os días 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro, e do 3 ao 5 de xaneiro

O programa das Matinais de Nadal presentouse este xoves en Raxoi. O prazo solicitudes abre este próximo luns, 13 de setembro

O programa das Matinais de Nadal presentouse este xoves en Raxoi. O prazo solicitudes abre este próximo luns, 13 de setembro / Raxoi

Redacción

Este próximo luns, 13 de novembro, abre o prazo de inscrición para os Matinais de Nadal nos centros socioculturais. O concelleiro, Xan Duro, presentou este xoves o programa, no que se ofertan 210 prazas en diferentes espazos municipais, tanto da zona urbana como do rural. Son 25 prazas máis que o ano pasado, grazas á incorporación do centro sociocultural de Bando.

O programa Matinais de Nadal desenvolverase os días 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro, e do 3 ao 5 de xaneiro, en horario de 10.00 a 14.00 horas, con posibilidade de solicitar horario ampliado de 8.00 a 15.00 horas. O programa é de balde, e para inscribirse tan só é necesario estar empadronado no concello de Santiago e cumprir os criterios de idade establecidos para cada un dos centros socioculturais. Así, para nenos e nenas de 4 a 8 anos -informa o Concello- estarán dispoñibles os CSCs de Vite e Santa Marta, con 20 e 25 prazas respectivamente; no centro das Fontiñas poderanse inscribir nenos e nenas de 5 a 10 anos e haberá 20 prazas dispoñibles; e nos CSCS de Conxo, Pontepedriña e Castiñeiriño as actividades serán para crianzas de 5 a 12 anos, con 20, 15 e 10 prazas respectivamente. En canto á zona rural, poderanse inscribir nenos e nenas nacidos entre 2010 e 2017 nos centros de Marrozos, Figueiras, A Gracia e Bando, con 25 prazas dispoñibles en cada caso. O centro sociocultural de Bando incorpórase este ano como novidade ao programa.

Tres propostas lúdicas e educativas

O programa Matinais de Nadal artículase ao redor de tres propostas lúdicas e educativas diferentes: "Un Nadal de Xogos", na que os nenos e nenas descubrirán xogos tradicionais e populares de diferentes países (CSCs de Vite, Conxo, Marrozos, Bando e Figueiras); "Cada día un Nadal", no que a cativada descubrirá como se celebra o Nadal en distintos lugares e culturas a través da gastronomía (CSCs de Fontiñas, Pontepedriña, Castiñeiriño e A Gracia), e "Pequenos artistas de Nadal", que se centrará nas artes plásticas e escénicas para dar a coñecer personaxes vinculadas ao Nadal en todo o mundo.

O prazo de inscrición nos Matinais de Nadal estará aberto ata o 27 de novembro, e o trámite pode realizarse na sede electrónica do Concello ou entregando presencialmente a ficha de preinscrición. Se a demanda supera a oferta, realizarase un sorteo público o 4 de decembro ás 12.00 horas no CSC de Santa Marta. As listas de persoas admitidas e o prazo para a entrega de documentación estará aberto do 11 ao 19 de decembro e, no caso de quedar prazas vacantes, poderase abrir unha nova quenda de inscrición.