Os socialistas de Santiago tachan de “tomadura de pelo” a proposta da Xunta para o parking do CHUS

As discrepancias continúan entre as administracións local e autonómica en canto ao investimento necesario dende cada parte

Os particulares vense na obriga de aparcar nas beirarrúas

Os particulares vense na obriga de aparcar nas beirarrúas / Jesús Prieto

As negociacións para a ampliación do aparcamento do Hospital Clínico de Santiago (CHUS) seguen a xerar polémica. Logo da xuntanza do pasado martes, onde as concellarías de Infraestruturas e Sanidade lle solicitaron ao Concello de Santiago a cifra de 4,3 millóns de euros de achega, é agora o Partido Socialista local quen toma a palabra. “O que tiñan que facer”, censurou o portavoz socialista Gonzalo Muíños en referencia a ese aparcadoiro de mil prazas “é executalo cos once millóns de euros que destinaron a unha senda entre O Milladoiro e San Caetano que ninguén pediu”.

O Grupos socialista ve nas peticións da Xunta de Galicia “unha tomadura de pelo” pola que Muíños acusa á administración autonómica de ter financiamento para outros proxectos “que non repercuten na vida das persoas” e “enredan cos asuntos realmente importantes”. 

Ao fío do proxecto da Xunta de realizar un aparcamento en altura, moi na liña do que dende a campaña electoral reivindicaba o líder do Partido Popular (PP) local, Borja Verea, Gonzalo Muíños criticou que “se tiñan un proxecto para acometer un aparcadoiro de mil prazas, o que tiñan que facer é executalo” e “non dilatar algo que, coma sempre, os que asumen as consecuencias son os veciños”, afirmou.

O portavoz socialista insistiu no seu comunicado de prensa que esas mil praza de aparcadoiro a Xunta podería “financialas cos once millóns que destinaron á senda ciclista entre O Milladoiro e San Caetano”. Un proxecto que, segundolembra Muíños, “contou cunha forte oposición veciñal, ou temos que recordar as alegacións presentadas polos veciños afectados?”.

“A Xunta ten 35 millóns para a ampliación das súas oficinas, ten once millóns para unha senda que ninguén pediu, ten dous millóns para máis obras no Monte do Gozo” denunciou Gonzalo Muíños, que criticou que esas sexan “as prioridades da Xunta” mentres “co aparcadoiro dun hospital público seguen enredando”, sentenciou.

Nunha liña non moi diferente tamén se pronuncia o Goberno municipal, composto polo BNG e Compostela Aberta (CA), xa que reivindican que a área sanitaria é moi máis ampla que o termo municipal e poñen en valor a parcela ofrecida para un aparcodoiro provisional, “que non é unha solución definitiva”, dicía a alcaldesa o pasado luns, pero que contribuiría a aliviar a saturación dun aparcamento que “segundo o estudo de mobilidade da Xunta está ocupado un 80% por persoal do propio CHUS”, lembraba Sanmartín. 

O Goberno autonómico fixaba finalmente a achega do Concello en 4,3 millóns de euros na xuntanza do pasado martes do Goberno local, mentres se comprometía a investir unha contía máxima de preto de 18 millóns de euros. Cuestión á que alcaldesa Goretti Sanmartín replicaba “entendemos que non é xusto para os habitantes de Santiago que ao final haxa que poñer esa cantidade de diñeiro nslgo no que o Concello xa está colaborando, xa puxo unha parcela valorada en tres millóns de euros, hai certas bonificaciónz relacionadas con licenzas e o 95% do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras”.

O transporte público é outra das pugnas entre a administración autonómica e a local, xa que dende San Caetano reclámase que se reforcen as liñas de bus urbano, mentres que dende o Goberno municipal asegúrase ese compromiso e reclámase un reforzo das liñas de transporte interurbano.