Conservación do patrimonio histórico: o Concello intervén na recuperación de 21 lavadoiros de Santiago

Comezaron os labores de roza e limpeza, que se complementarán cunha segunda fase para a recuperación e posta en valor destes elementos etnográficos

No de Picaños xa se poden ver os resultados dos traballos de mantemento previos á limpeza da cantería, impermeabilización e reposición da lousa que lle falta

O de Picaños, coa súa planta octogonal, é un dos lavadoiros máis singulares de Santiago

O de Picaños, coa súa planta octogonal, é un dos lavadoiros máis singulares de Santiago / Raxoi

Redacción

O Concello de Santiago vén de desenvolver un plan de roza e limpeza de lavadoiros, que se complementará cunha segunda fase para súa recuperación e posta en valor. Estes traballos incluíron o baleirado e limpeza das pías, a roza da contorna da parcela, retirada de lixo, depósitos, lama e de herbas de raíz, cunha intervención inicial en 21 lavadoiros que vén de concluír.

Entre eles, actuouse no lavadoiro de Picaños, de planta octogonal e cun diámetro de dous metros. Trátase dun elemento etnográfico singular con oito zonas de lavado independentes en cada unha das caras do octógono, así como unha canle que recolle a auga dunha pía situada ao lado das escaleiras de granito que chegan da parte alta. O espazo está delimitado por un muro de granito que serve de banco corrido ou de pousadoiro para o cesto da roupa. Na actualidade, xa se pode ver o resultado dos labores de limpeza e roza de vexetación neste lavadoiro de Picaños, necesarios para a segunda fase en que se vai proceder á limpeza en seco da cantería, ao saneado das lousas, impermeabilización e colocación dunha lousa que falta.

Fonte e lavadoiro do Avío, no barrio de San Fructuoso

Fonte e lavadoiro do Avío, na parroquia de San Fructuoso de Fora de Santiago / Compostela Verde

Impermeabilización e recuperación das canles de auga

Nesa segunda fase realizaranse actuacións de impermeabilización do vaso dos lavadoiros onde se detectou esta necesidade, xunto con labores de saneado e rexuntado de paramentos e a colocación de chaves para o peche do desaugue onde se precisen, para conseguir que se reactive a circulación da auga.

Nalgúns casos tamén se mellorará a pavimentación da contorna do lavadoiro, coa reposición de adoquinado e de lousas de pedra, así como o adecentamento das cubertas que posúen.

En concreto, nesa intervención actuarase nos lavadoiros do Romaño, do Avío, Vite, Guadalupe, Salgueiriños de Arriba, Salgueiriños, Picaños e Casal do Castiñeiriño, por precisaren melloras para a súa conservación, logo de se avaliaren as patoloxías detectadas e de que se prescriban as actuacións de intervención para cada un deles.

A finales del siglo XIX y principios del XX, una estructura de madera dominabe el paise del Parque de Galeras: el ‘lavadoiro do Espiño’

A finais do XIX e comezos do XX, unha estrutura de madeira dominaba a paisaxe do Parque de Galeras: o ‘lavadoiro do Espiño’ / COAG

Os lavadoiros, patrimonio de Santiago

Os lavadoiros eran construcións ao aire libre deseñadas para lavar roupa a man, situadas xeralmente preto de fontes de auga como ríos. Orixinalmente, aproveitábase un lugar con abundante auga, utilizando pedras planas para fregar a roupa. Estes lavadoiros eran maioritariamente rectangulares, sen teito ao principio, pero máis tarde engadíuselles un.

Eran esenciais desde finais do século XIX ata a década de 1950, mellorando a calidade de vida ao evitar viaxes ao río e facilitar o lavado de roupa. Tamén tiñan un papel social importante, sendo puntos de encontro para as mulleres e lugares onde os mozos socializaban.

Estes lugares cumprían unha función económica, xerando empregos como o das "augadoras" que levaban auga ás casas e as "lavandeiras" que lavaban a roupa nos lavadoiros. A construción de lavadoiros públicos gratuítos mellorou as condicións laborais destas persoas.

Co tempo, a instalación de auga corrente nos fogares e a introdución de electrodomésticos, como a lavadora, reduciron a necesidade dos servizos das augadoras e lavandeiras. Aínda que algúns lavadoiros se seguen a empregar hoxe en día como substitutos en casos de fallos eléctricos, perderon a súa función social como puntos de encontro do pasado.