O PP reclama o comprometido paso de peóns na rúa das Rodas para a Galiña Azul e o colexio La Salle

Adrián Villa lamentou que non se cumpra esta promesa de antes do verán

O edil suliña que este "paso que se emprega diariamente por cativos é un grave perigo"

O PP reclama o paso de peóns da Rúa das Rodas, unha demanda histórica para acceder á Galiña Azul e o colexio La Salle

O PP reclama o paso de peóns da Rúa das Rodas, unha demanda histórica para acceder á Galiña Azul e o colexio La Salle / Google

Redacción

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, por petición da ANPA do Colexio La Salle e da Escola Infantil Galiña Azul de San Roque, recolleu unha histórica demanda que segue sen solución por parte do goberno, o paso de peóns na rúa das Rodas.

A diario, máis dun cento de cativos empregan de forma natural un paso que está sen sinalización. Este atópase na confluencia entre a rúa Algalia de Abaixo e a Escola Galiña Azul que, á súa vez, dá acceso ao parque das Ciencias e á porta de entrada de La Salle. Desde hai máis de 15 anos, coincidindo coa apertura da gardería, o PP sinala que foron múltiples as solicitudes realizadas, obtendo o compromiso verbal, pero sen ver feito realidade este paso de peóns. 

O edil quixo manifestar que “o paso que se emprega diariamente por cativos é un grave perigo e, de non dar resposta pronto, algún día imos lamentar unha desgraza”. Así, Adrián Villa defendeu este cruce posto que esta gardería dá servizo ao casco histórico e carece de sentido ter que ir a cruzar ou á Porta do Camiño ou a San Roque e realizar un percorrido absurdo. 

Neste senso o popular tamén lamentou que fosen numerosos os compromisos realizados por parte do goberno coas ANPAS, o último antes do verán do presente curso, e que, unha vez máis, chegado setembro, visen que foron enganados e que non se levou a cabo ningún tipo de actuación. A este respecto Villa salientou que defenderá que se estude a mellor forma de implantar este paso, ben sexa cun simple paso de peóns, ou ben sexa cun semáforo para velar pola seguridade dos cativos que, a diario, empregan este cruce para chegar aos seus respectivos centros escolares.