‘Nas ás do canto’, a música como vehículo da literatura e a lingua no Rexurdimento

O proxecto do Consello da Cultura é unha homenaxe a Manuel Murguía no centenario do seu pasamento

Catorce cancións mostran o vigor compositivo no século XIX

'Nas ás do canto', a música como vehículo da literatura e a lingua do Rexurdimento

Jesús Prieto

‘Nas ás do canto’ é un proxecto especial web, composto por dous traballos académicos e recursos musicais, co que o Consello da Cultura Galega (CCG) deita na rede un repertorio de voz e piano en galego para festexar o centenario do pasamento de Manuel Murguía, unha das principais figuras do Rexurdimento.

O ensaísta Xurxo Martínez, autor dun deses traballos, explica moi ben cal é a relación entre o historiador, o Rexurdimento e a música: “A música é a responsable da popularización da literatura galega e da lingua, o vehículo” a través do que as ideas do Rexurdimento e de Murguía chegaron “a todo mundo”.

‘Nas ás do canto’, que se editará en forma de libro, presentouse onte na sede do CCG (na praza do Obradoiro). Un acto no que se contou coa presenza da presidenta da institución, Rosario Álvarez; do ensaísta Xurxo Martínez e da musicóloga Margarita Viso, autores dos traballos académicos, e pechouse cun concerto a cargo da soprano Anna Mélikhova e do pianista Alejo Amoedo, que ofreceron unha escolma de cinco das cancións que se recollen no especial (dun total de 14) e que teñen letra e música de autores e compositores do século XIX.

O filólogo e especialista no Rerxurdimento, Xurxo Martínez, comentou con EL CORREO a importancia da relación que estuda e divulga o proxecto ‘Nas ás do canto’, pois “o Rexurdimento non foi só literario e é incompleto pensar que se centrou na recuperación da fala para a escrita”, afirma Martínez, “tamén houbo un rexurdimento na pintura, na política, na prensa, na música” e esta é precisamente a tese traballo que realizou: “Tratar de explicar que considero que isto foi así e o nivel de alcance do Rexurdimento é moito maior, porque non afecta só á xente letrada, senón a todo o pobo”. 

Unhas ideas que apoiou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, que destacou que o Rexurdimento foi un período crucial para “a historia da lingua, non só polo prestixio da escrita e obras debidas ao xenio de personalidades relevantes na sociedade culta da época, tamén aparición das primeiras gramáticas e dicionarios”.

Un pobo que era na súa maioría analfabeto e por iso “a música foi o vehículo para que se popularizase a literatura”. Segundo o ensaísta, a xente do común aprendía os poemas de Rosalía, Curros ou Pondal a través das composicións musicais de Baldomir, Chané ou Pascual Veiga, e cantábana non só pola letra, senón tamén pola lingua e a partir de aí descubrían trazos “do que somos”. E este era precisamente o obxectivo do Rexurdimento e de Murguía, “converter o estigma en estima”.

Pois estamos a falar dunha época na que Galicia “era vista coma un lugar de animais, como recolle Rosalía de Castro no prólogo de Cantares gallegos: Atrevéronse a dicir que erámos un cortello inmundo”. Xurxo Martínez defende que é Manuel Murguía “quen crea o relato de quen somos, de que a xente de Galicia tomase conciencia de si mesma con orgullo”, e isto faino a través da defensa da lingua, “naquela época de darwinismo linguïstico” -que consideraba que había linguas que valían e outras e que non, e as últimas, estaban condenadas a desaparecer-. 

Do valor da lingua galega era defensor Murguía e iso levouno a promover a creación da Academia Galega (1906) “el morre en 1923, polo tanto, tivo moito tempo para facer, para difundir a súa idea”. E esta permanece na actualidade entre galegos e galegas, “aínda hoxe se preguntas pola característica que define Galicia a resposta será a lingua, hai outros pobos nos que esa característica é a relixión, ou o territorio”.

Murguía é quen di, en 1865, que Galicia é nación, quen a define por vez primeira, o que non quere dicir que falase, por exemplo, de autodeterminación, senón que el interpreta que hai unha serie de característica que pertencen a Galicia”, asegura Martínez, que lembra que esta conciencia de Galicia que tiña Manuel Murguía, e que quería transmitir con orgullo a todo o pobo a toma o historiador en 1846, cando en Galicia os militares se sublevaron contra o presidente Narváez (durante o reinado de Isabel II), o episodio que se coñece como ‘Mártires de Carral’.

“Murguía é daquela un neno que ve morrer un soldado por defender Galicia”, unha historia que o protagonista refire en varios dos seus textos. “Un soldado cae ferido ante a botica do pai de Murguía, méteo na casa e el ve como o soldado morre e iso márcao para sempre, pero tamén a represión posterior na que case 2.000 persoas foron deportadas de Galicia por facer a revolución”. 

Todo iso que influíu en Murguía, deu co tempo en que se convertese “nun militante ideólogo”, afirma Martínez “que o levou a realizar un traballo ideolóxico dirixido á xente letrada, culta, que vai ter como resultado unha especie de ‘idea do que somos’ e que dá na creación das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista, que levan á práctica o pensamento de Murguía”.