O Goberno de Santiago ascende a case un millón de euros o orzamento do Centro para persoas sen fogar de Belvís

A Xunta de Goberno local aprobou unha modificación do proxecto que suma 160.000 euros ao presuposto inicial de 800.000 euros

O Goberno bipartito prevé que a apertura teña lugar no primeiro semestre do ano que vén co mesmo número de prazas, 14 en 12 habitacións: 10 individuais e dúas dobres

O borrador de orzamentos para 2024 inclúe unha partida de 400.000 euros para cubrir o non executado cos fondos Edusi que finalizan a 31 de decembro de 2023

María Rozas, concelleira de Servizos Sociais na sala de prensa do Pazo de Raxoi

María Rozas, concelleira de Servizos Sociais na sala de prensa do Pazo de Raxoi / CONCELLO

A Xunta de Goberno local aprobou este martes a modificación do expediente para a rehabilitación do edificio municipal no parque de Belvís que albergará o Centro para persoas sen fogar de Santiago. Unha muda que incrementa a partida orzamentaria inicial de 800.000 euros en 160.000 máis, co que o presuposto total pasa a ser de arredor de 960.000 euros, coa intención de paliar a perda de fondos europeos Edusi (para o desenvolvemento urbano sostible), cuxa xustificación remata o 31 de decembro. A ampliación do orzamento non supón unha ampliación de prazas, que se manteñen en 14 con 12 habitacións en total.

"O goberno sabía que non daban os prazos", lembrou a concelleira de Servizos Sociais, María Rozas, en rolda de prensa, e por iso o bipartito "adxudicou a obra con urxencia". A edil de Compostela Aberta (CA) incidiu en que Goberno local quixo dende o primeiro momento "recuperar a filosofía orxinal do proxecto", deseñado no mandato da súa formación (2015-2019), e que toma o modelo Housing first para conseguir "o obxectivo último deste proxecto que é a inclusión social das persoas sen fogar".

Este incremento orzamentario, para unha obra que está "executada no 50%" vai permitir, tal e como explicou Rozas, realizar "cambios na climatización e na estrutura, que parecía que estaba mellor do que estaba e levar a cabo as mudas emanadas do informe realizado por Servizos Sociais para garantir que as persoas sen fogar conten cunha vivenda".

A concelleira de CA informou aos medios de que se agarda que o edificio estea operativo no primeiro semestre de 2024 e detallou, canto a presuposto, que máis alá destes 960.000 euros da obra, "o borrador dos orzamentos de 2024 contempla unha partida de 400.000 euros para cubrir parte desta modificación e aquilo que non se execute" no remate do ano. Data na que finaliza o prazo de xustificación dos fondos Edusi, que cobren arredor do 50% do total da obra (por mor de non estar rematada a obra neste 2023).

María Rozas tamén detallou, que se estima destinar un orzamento de 40.000 euros para mobiliario, unha vez rematada a rehabilitación e que canto a persoal traballador será axustado a tres enfoques principais: cun psicólogo, un traballador social e unha persoa dedicada á orientación laboral".

Unha construción distribuída en catro edificios

A edil de Servizos Sociais detallou para a prensa a división desta estrutura municipal situada no parque de Belvís e dividida en catro edificios que albergarán, ademáis de espazos comúns como cociña, comedor ou lavandaría, un total de 12 habitacións, 10 simples e dúas dobres, o que dá lugar a 14 prazas de residencia para persoas sen fogar por unha estancia máxima de 18 meses.

O primeiro edificio albergará a cociña e o comedor, ademais de 4 habitacións individuais no andar superior, o resto de dormitorios estarán no edificio cuarto. Neste último, durante as obras fíxose o achado arqueolóxico dun depósito e unha fonte, polo que nesa área non será posible edificar e a superficie construída contará con menos metros, "pero manterase o número e reparto de habitacións", insistiu Rozas. Un reparto que suporá, alén da área aberta na zona da fonte, a división en 6 habitacións individuais e dúas dobre con baño, unha delas adaptada a persoas con mobilidade reducida.

Os edificios segundo e terceiro destinaranse a áreas comúns o primeiro, "xa que se trata dunha sala diáfana" e a despachos para a atención persoal, ademais de zonas comúns, o terceiro.

Evitar o estigma social

De cara á posta en marcha do Centro para persoas sen fogar de Belvís, a edil María Rozas adiantou que se está a traballar nun Plan de senfogarismo que busca "acabar co estigma das persoas sen fogar" e o rexeitamento que algunhas veces pode causar a súa presenza na contorna de pisos ou centros de inclusión por parte da veciñanza. "Traballaremos na información, na divulgación e na educación" sobre este tipo de iniciativas, dixo Rozas.

O Concello de Santiago, en colaboración coa Cruz Vermella, realiza saídas periódicas para coñecer o número de persoas sen fogar que habitan as rúas de Santiago, así como a situación na que se atopa cada unha delas. Segundo os datos da semana pasada que manexa Raxoi, a día de hoxe hai en Compostela 17 persoas sen fogar.

Persoas que poden ser candidatas a unha praza no futuro centro de inclusión de Belvís, se así o estiman os estudos e conversas do departamento de Servizos sociais. Área que tamén é a responsable da adxudicación dos pisos de inclusión cos que conta xa a día de hoxe a cidade, tres en total: dous para homes e un para mulleres, e en cuxa xestión o Goberno local colabora con Cáritas (en dous casos) e Feafes (Federación de Familiares de Persoas con Enfermidade Mental).