O bus urbano mantén o desconto e seguirá en 30 céntimos á viaxe

Raxoi manterá a bonificación complementaria

O de transporte escolar terá un prezo de 0,20 e queda nos 13 euros o bono mensual

O Goberno local complementa os bonos do Goberno español para o transporte urbano

O Goberno local complementa os bonos do Goberno español para o transporte urbano / Antonio Hernández

Redacción

En 2024 o Concello de Santiago manterá a bonificación complementaria do transporte urbano, que se suma á bonificación aprobada polo Goberno de España, polo que o prezo do billete de atobús con bono ordinario se vai manter nos 0,30 euros, e o bono mensual seguirá custando os 13 euros actuais.

O Goberno liderado por Pedro Sánchez vén de aprobar o Real Decreto-Lei 8/2023, de 27 de decembro, polo que se adoptan medidas para afrontar as consecuencias económicas e sociais derivadas dos conflitos de Ucraína e de Oriente Próximo, así como para paliar os efectos da seca. Unha norma que recolle a bonificación dun 30% nas tarifas multiviaxe de transporte urbano. Unha iniciativa á que tamén se suma o Concello de Santiago, cunha liña de axudas de bonificación complementaria do 20%, ata completar o 50% do total.

Así, e da mesma maneira que se levou a cabo no presente ano, o prezo do billete de bus urbano co bono ordinario pasa dos 0,60 euros aos 0,30; o bono escolar pasa dos 0,40 euros aos 0,20, e por último o bono mensual pasa dos 26 euros a 13. Para beneficiarse desta bonificación non é preciso ningún trámite, máis alá da recarga do bono e pódense empregar as tarxetas bono actuais, polo que non é preciso adquirir unha nova tarxeta.

Novo sistema de información na Estación de autobuses

A Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano, TUSSA, fixo onte o anuncio de que poñerá en marcha, a partir do 8 de xaneiro de 2024, un novo sistema de información na estación de autobuses. O obxectivo é o de mellorar os sistemas de control, seguimento e información dos servizos.

Así, mellorarase a visualización nas pantallas, con información en tempo real das saídas e chegadas dos servizos de transporte colectivo, ao tempo que haberá avisos de próximas saídas pola megafonía e horarios impresos no servizo de información. Os datos facilitados serán os recollidos na plataforma bus.gal, dependente da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, que é a administración competente no servizo de transporte interurbano.

Tamén se mellorarán os controis de acceso para os autobuses ao recinto, así coma o control e seguimento dos mesmos.