Santiago

Cinema miúdo para todos os públicos

A Cidade da Cultura acolle esta fin de semana a oitava edición de Pequefilmes

O festival de curtametraxes infantís exhibe máis de medio centenar de pezas 

Público asistente a unha das proxeccións de Pequefilmes

Público asistente a unha das proxeccións de Pequefilmes / Cedida

A Cidade da Cultura está a ser esta fin de semana o epicentro do entretemento para todos os públicos coa celebración de Pequefilmes, un festival internacional de curtametraxes infantís que chega este ano á súa oitava edición. Dende a tarde do venres ata o mediodía de hoxe, cativos e adultos asisten á exhibición de 53 filmes procedentes de 16 países diferentes. As proxeccións distribúense en tres salas por idades: Vagalumes, para as pequenas e pequenos de 0 a 3 anos de idade; Miñocas, a partir de 4 anos; e Fanecas, a partir dos 7 anos. Ademais, o programa complétase con obradoiros nos que os nenos e nenas poden experimentar co cinema baseado no teatro de sombras chinesas, e para os que se completaron as prazas dispoñibles.

O director do festival, Jorge Rivero, amósase satisfeito coa resposta do público durante estes días, tanto nas proxeccións como nos obradoiros paralelos porque Pequefilmes “xa está consolidado e hai moita xente que leva vindo moitos anos”. Rivero explica que se introduciron algunhas novidades este ano, como empezar un día antes, o venres, e non ocupar a tarde do domingo. Ademais, “volvemos a unha dinámica que faciamos ao principio do festival, que era duplicar sesións. Iso reduce un pouco o volume total da programación, pero creo que facilita tamén que os nenos poidan ver practicamente todo o festival”.

Rivero indica que para elaborar a programación “recibimos películas de todo o mundo, seguimos a pista doutros festivais ao longo do ano, e imos collendo o que consideramos máis interesante, máis novo, máis orixinal”. O director de Pequefilmes asegura que “buscamos ofrecer ao público infantil e non tan infantil, porque logo os pais gozan das proxeccións tanto como os nenos, un contido que non se atopa facilmente nin en plataformas, nin en internet aberto, nin en cinemas ou televisión”. Así, sinala que aínda que predomina fundamentalmente a animación, a cita congrega “temáticas, sensibilidades, realidades distintas”, ademais de poder atopar dentro da animación “unha variedade enorme de técnicas”.

Inspiración familiar

Entre as curtas desta edición de Pequefilmes, atópanse dúas galegas, Morte e o meu avó de Gon Caride e O monstro e a nena de Jorge Juan Costas. Rivero explica que “custa un pouco atopar curtas galegas porque non se producen moitas, non é que descartemos moitas. Parece que a produción non se orienta tanto a este sector de público, pero este ano temos dous que están moi ben”.

No caso de Morte e o meu avó, o seu creador sinala que se trata dunha ficción que mestura tamén documental, baseada nunha lenda que conta que “cada cen anos Morte colle vacacións durante un día e visítanos para coñecer mellor a aqueles que terá que levar ao outro lado”. Así, Caride apunta que “Morte vén visitar a aldea na que vivía o meu avó cando tiña dez anos e pasan un día fantástico”.

O director aclara que a morte “está representada dunha forma moi amable, moi divertida e moi amena”, polo que “é unha película para todos os públicos”. Caride móstrase “moi contento” da selección da súa curta para Pequefilmes, xa que “aos nenos que a viron gustoulles moito, pero entendo que os que seleccionan, dada a temática da morte, ao mellor teñen máis medo de presentarllo a nenos”. En calquera caso, destaca que o seu obxectivo era facer “unha homenaxe ao meu avó e á miña aldea” e que a peza lle gustase á súa familia. “Todo o que veña a maiores xa é un premio”, afirma.

O monstro e a nena tamén parte dunha inspiración familiar, xa que parte dun conto que Jorge Juan Costas fixo co seu fillo durante o confinamento pola pandemia do coronavirus. “El empezou a contarme a historia e eu nun papel ía debuxando e escribindo o que me dicía”, relata. Publicouse en Galaxia e Costas acabou facendo unha curta de animación. Na historia fálase “un pouco da da intolerancia, de como tratamos ao diferente e do medo que nos dá polo feito de ser diferente”. O creador apunta que “é unha historia máis ou menos simple, aínda que ten a súa mensaxe”.

Presenza galega

Coa presenza destas producións en Pequefilmes, Rivero agarda que se poida “abrir esa xanela para animar aos creadores a que fagan películas que poidan ver os nenos. Hai que pensar en películas que poida gozar público de todas as idades”. En xeral, cre que “o cinema galego desde hai uns anos está a vivir un momento marabilloso”. Aínda que o infantil “non é o rango de público ao que máis se orientan as producións aquí, cada ano vai habendo algunhas”. Deste xeito, o director de Pequefilmes remarca que “nestes oito anos fomos vendo como aos poucos van aparecendo cousas e confiamos que no futuro sigamos tendo produción galega. Animamos tamén aos cineastas a que pensen neste público”.

Para os directores, ser seleccionados para este tipo de eventos tamén é un impulso. “Ao final facemos as cousas para que a xente as vexa. Se non, teriamos ideas fantásticas, pero escribiriamos un papeliño e quedaría gardado nun caixón. Canta máis xente vexa o teu traballo, mellor, e ao final son este tipo de festivais os que che dan esas oportunidades”, reflexiona Caride. Pola súa banda, Costas está satisfeito co funcionamento do seu filme e concorda en que “é importante que se exhiban estas creacións neste tipo de festivais”.