Borja Verea propón a creación de vivendas colaborativas para os maiores de Santiago

Como alternativa ao modelo tradicional residencial, sinala que as persoas “vivirían nas súas propias casas, pero con servizos comúns que cubrirían as súas necesidades”

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea / CEDIDA

Co obxectivo de facilitar un modelo de vida en comunidade, onde se fomente o apoio mutuo entre persoas que deciden vivir xuntas e que poidan contar con servicios asistenciais compartidos, o líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, propón a creación na cidade de vivendas colaborativas para persoas maiores, un modelo que nace nos países nórdicos. “Esta é unha auténtica alternativa ao modelo tradicional residencial de persoas maiores, que colocaría a Santiago na vangarda, tamén, en solucións innovadoras de políticas sociais”, subliñou Verea.

O popular remarcou que “as vivendas colaborativas permiten un estilo de vida que preserva a intimidade, permite o control sobre a propia existencia e profundiza no dereito das persoas a elixir como vivir”.

A maiores, explicou que con este modelo residencial “as persoas vivirían nas súas propias vivendas, pero con servizos comúns que cubrirían as súas necesidades, polo que os residentes serían partícipes activos do seu propio proceso de envellecemento e, sobre todo, limitaría e suavizaría moito as situación de illamento social que sofre parte deste colectivo”.

O líder popular remarcou que, ao mesmo tempo, “supón unha rede de apoio e de seguridade para todas estas persoas que alí vivan, é dicir, convértese nunha mestura entre privacidade e convivencia. Con estes equipamentos, integrados nese novo modelo de coidados, apostaríase por servizos de proximidade e potenciaríase o dereito a escoller libremente como e onde envellecer”, agregou.

Como explicou Verea, as iniciativas sociais son un dos eixes das políticas do Partido Popular de Santiago. No Pleno do mes de xaneiro defenderon unha Estratexia contra a Soidade non desexada, posto que en Compostela “temos milleiros de persoas maiores de 65 anos vivindo soas, moitas por propia vontade e outras incluídas na definición de soidade non desexada”, engadiu o portavoz municipal do PP.

Ademais, Verea resaltou a evidencia de que “na nosa cidade temos un problema á vista de todos e o Concello ten que liderar a solución”. Por ese motivo, o PP compostelán propón as vivendas colaborativas para as persoas maiores, “o que pode converter Santiago nun exemplo para outras vilas nesta materia”.