O Centro de Linguas Modernas da USC ten preto de 700 matrículas no actual curso académico 23-24

Español como lingua estranxeira e inglés, o máis demandado

As clases son presenciais na súa maioría

Baixan as tarifas para o estudantado

Persoas participando nas sesións de conversa que organiza o Centro de Linguas Modernas da USC

Persoas participando nas sesións de conversa que organiza o Centro de Linguas Modernas da USC / Santi Alvite

O número de alumnos matriculados en cursos organizados polo Centro de Linguas Modernas (CLM) da Universidade de Santiago no curso académico 2023-2024 é neste momento de 689. Por idiomas, 245 están no curso de español como lingua estranxeira; 128 en inglés; 44 en alemán; 53 en francés; 12 en catalán; 116 en galego para non galegofalantes; 70 en italiano; 19 en portugués e 2 en checo. Esta é unha cifra orientativa xa que estes datos son sen rematar a matrícula do 2º semestre, que pechaba o venres 2 de febreiro. Cada grupo terá un máximo de 15 alumnos/as. 

Os cursos do CLM diríxense ao persoal e ao alumnado da institución compostelá, quenes representan o 89% da matrícula. A maiores, están abertos a calquera persoa maior de 16 anos interesada que non forme parte da comunidade universitaria. “Deben realizar un test de nivel previo á matrícula as persoas que non vaian facer o nivel inicial dun curso ou que non fixeran un curso do nivel inmediatamente anterior dese idioma no CLM, para situalas axeitadamente no curso correspondente”, sinalan dende a institución compostelá a este medio. Non ten custo ningún para as persoas que deban realizalo.

As clases son na súa maioría presenciais, aínda que para o segundo semestre do curso académico 2023-24 están convocados cursos semiintensivos, intensivos, semestrais e cursos de preparación para exames.

Os cursos semestrais son de 40 horas presenciais e de 10 horas de traballo autónomo do alumnado. As clases teñen duración de 90 minutos por sesión e periodicidade de dúas veces por semana. Os cursos semiintensivos son de 40 horas presenciais e 60 horas de traballo autónomo do alumnado. A duración e periocidade das sesións é a mesma ca nos cursos semestrais. Por último, nos semipresenciais, de 40 horas presenciais e 60 horas de traballo autónomo do alumnado, as sesións prolónganse durante 90 minutos e son unha vez por semana, durante oito meses. A maiores, segundo profundiza a USC “existen outras modalidades para catalán, checo e inglés das que se achega información na web do CLM”.

En referencia aos exames e probas realízanse segundo a programación de cada curso. Ao longo dos meses as persoas matriculadas fan exames de progreso e ao final do curso examínanse das catro principais destrezas comunicativas, segundo o MECRL (Marco Común Europeo de Referencia para as linguas). A O CLM tamén organiza exames independentes dos cursos ao longo do curso académico.

Os que optan por cursar algún idioma no CLM no segundo semestre ven reducidas as súas tarifas en cumprimento polo establecido nas Liñas xerais do orzamento de 2023. En relación ás tarifas anteriores, simplifícanse os conceptos de tarifas de cursos, conversas e probas de competencia lingüística dos idiomas impartidos polo persoal docente do CLM de 23 a 9 conceptos. As tarifas para cursos e conversas pasan, en todos os casos, de dous a de tres tipos: ordinario, USC e alumnado (grao, mestrado, doutoramento). No caso da comunidade universitaria da USC benefíciase dunha redución do 25% sobre a tarifa ordinaria, como ata agora. Para o alumnado o que deben pagar redúcese, con respecto á tarifa ordinaria, nun 40% no caso de cursos e conversas de linguas estranxeiras e fanse gratuítas no caso das linguas oficiais, galego e castelán.  

Logo están as sesións de conversación presenciais e/ou en liña que teñen convocatoria propia. “Están dirixidas por un profesor/a orientadas á práctica da expresión e a interacción oral. Nas sesións mellórase a pronuncia e gáñase en fluidez, ademais de consolidar estruturas lingüísticas e repasar vocabulario”, din.

Máis alumnado noutras probas

O CLM organiza, ademais de probas externas, as probas de competencia lingüística (PCL), que son exames de competencias lingüísticas, de acordo co Marco Común Europeo de Referencia para as linguas e que habilitan para o acceso a estudos; para o recoñecemento de créditos nos graos e para a mobilidade, tanto outgoing como incoming. Hai varias quendas ao longo do curso académico. No actual curso, o número de alumnos matriculados en probas de competencia lingüística (PCL) son 810: 429 en inglés, 245 en italiano, 56 en español, 32 en portugués, 28 en francés, 11 en galego e 9 en alemán.

Un 9,1 sobre 10 nas enquisas de satisfacción

A institución valora o Centro de Linguas Modernas como “un instrumento fundamental na internacionalización da USC” e como “centro de referencia para a aprendizaxe de linguas na propia institución, tanto nas linguas europeas máis demandadas, para toda a comunidade universitaria, como nas oficiais en Galicia para as persoas que veñen de fóra”. 

Os resultados das enquisas de satisfacción sobre os cursos ofertados son moi positivos. A nota media global dos cursos do ano pasado é de 9,1 sobre 10, segundo apunta a USC.