A USC busca da man de referentes femininas favorecer a participación da muller na ciencia

Deseña ante o 11 de febreiro un programa de actividades que outorga visibilidade a científicas para que trasladen as súas experiencias entre alumnado preuniversitario

Cada 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia/santi alvite

Cada 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia/santi alvite / k.m.

Coincidindo coa conmemoración o 11de febreiro do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, a Universidade de Santiago deseñou unha axenda de actividades arredor desta efeméride, co obxectivo de outorgar visibilidade e contribuir a acadar o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia de mulleres e nenas. Un programa impulsado a través da súa Oficina pola Igualdade de Xénero.

O programa da universidade compostelá estréase este martes con Protagonistas, as enxeñeiras, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, onde haberá obradoiros divulgativos sobre temáticas e disciplinas relacionadas cos títulos e grao de mestrado deste centro. Esta actividade, promovida pola Comisión de Igualdade de Xénero, pretende achegar as titulacións de carácter científico e tecnolóxico (STEM, nas súas siglas en inglés) ás rapazas de ensino medio en centros educativos de Lugo.

“A incorporación de máis mozas aos estudos de enxeñaría, tanto no que se refire a enxeñarías agrícolas e agroalimentarias, forestais e do medio natural, enxeñaría civil, enxeñaría de Montes, así como de calquera outra disciplina universitaria de carácter científico e tecnolóxico, antóllase como algo necesario para garantir que as mulleres gocen de presenza e sexan protagonistas en situación de igualdade respecto dos homes na sociedade tecnolóxica que está por vir”, apuntan dende a organización da iniciativa.

“Esta realidade aínda se fai máis urxente na actualidade en España, onde, alén da falta de referentes femininas, a porcentaxe de mulleres que están a completar estudos de enxeñaría e ou tecnoloxía apenas representa o 13%”, engaden.

Os obradoiros, en colaboración co Concello de Lugo, desenvolveranse de 11.30 a 14.00 horas e inclúen propostas de impresión 3D, voo de drons, novas pontes entre a enxeñaría e o cancro, Micro Aliens contra pragas, esqueleto de edificios, ciclo hidrolóxico, escaneado 3D dun bosque, desenvolvemento de produtos de madeira estrutural ou actividades arredor da velocidade. De participación libre e gratuítos en función das preferencias da mocidade, os obradoiros serán impartidos por persoal docente e investigador da EPS de Enxeñaría integramente feminino.

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) de Santiago súmase tamén ás reivindicacións deste 11F a través da actividade CientifiQas: ciencia feita por mulleres no CiQUS, encontro entre estudantado de bacharelato e investigadoras do centro para coñecer a investigación desenvolvida polas científicas que nel traballan. O 9 de febreiro, ás 10.00 horas, Dolores Pérez, directora adxunta do CiQUS, dará a benvida ao alumnado, que poderá acceder a diversas experiencias investigadoras con perspectiva de xénero, ademais de percorrer as instalacións.

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), tamén en Compostela, centro mixto da Universidade de Santiago e a Xunta, organiza o 9 de febreiro a V Masterclass Internacional de Física de Partículas, para alumnas de 1º de bacharelato de institutos de Galicia, co obxectivo de achegarlles a física ás estudantes inscritas, que poderán realizar unha práctica experimental con datos reais do CERN. Farano a través das propias investigadoras do IGFAE, que compartirán algunhas claves do seu traballo e amosarán referentes femininas para as futuras xeracións de investigadoras.

Unha enxeñeira ou científica en cada cole é unha actividade desenvolvida no marco do convenio de colaboración, en materia de igualdade de xénero, entre o Concello de Santiago e a USC para dar visibilidade ás enxeñeiras e científicas como referentes nas disciplinas coñecidas como CTEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) con obradoiros dirixidos ao alumnado de primaria. A novena edición desta iniciativa xa está en marcha e contará coa participación dunha decena de centros e 13 obradoiros, ademais dos 59 que participan na modalidade virtual da iniciativa. Os talleres comezarán o vindeiro 16 de febreiro no CEIP Ramón Cabanillas coa actividade Xogando coa luz, impartida polas catedráticas Carmen Bao Varela e Mª Teresa Flores Arias da área de Óptica e a investigadora Ana Isabel Gómez Varela da USC.

A pesar da crecente presenza das mulleres no estudantado universitario, a súa distribución é desigual entre as distintas titulacións. “A escasa presenza de mulleres nalgunhas titulacións do ámbito STEM non só prexudica as mulleres, reducindo ás súas oportunidades de traballo e de participación nos avances e decisións do futuro tecnolóxico, senón que afecta os resultados das investigacións, a innovación e, polo tanto, a sociedade”, explican as promotoras da iniciativa. “As causas desta desigualdade son múltiples, entre elas a presenza de estereotipos de xénero e a falla de referentes femininos en ciencia e tecnoloxía”, matizan.