Arranca unha nova edición do Santiago(é)Tapas con máis de sesenta propostas en 41 locais

Artesana Gastrobar acolleu este xoves a inauguración da XV edición do concurso gastronómico que se prolongará ata o 3 de marzo

Arranca unha nova edición do Santiago(é)Tapas

Javier Rosende Novo / Lorena Rey

A décimo quinta edición do Santiago(é)Tapas arrancou este xoves. Ata o vindeiro 3 de marzo, o público poderá saborear máis de sesenta preparacións nun total de 41 establecementos da cidade, fronte aos 38 que participaron na última edición, que se celebrou en novembro do 2023. O concurso gastronómico cambiou as súas datas habituais a petición de Hostalaría Compostela para impulsar o sector nunha época de menor consumo, un feito que tuvo unha aceptación positiva.

A inauguración desta cita culinaria celebrouse onte no Artesana Gastrobar, ubicado na avenida de Ferrol, e contou coa presenza da alcaldesa, Goretti Sanmartín; a concelleira de Turismo, Míriam Louzao; a presidenta da Asociación Hostelaría Compostela, Sara Santos; e representantes dos partidos políticos municipais e das empresas e entidades que colaboran co concurso organizado por Turismo de Santiago. Nese punto, o chef Álvaro Pérez presentou a proposta do seu local, que recibe o nome de Estamos como cabras. O chef manifestou que “están moi orgullosos do barrio” e a tapa “vai adicada a Conxo”. A finais do verán Pérez enterouse do peche dun local histórico da zona no que se cociñaba cabra e acabou inspirándose na súa cociña. A proposta de Artesana Gastrobar consiste nun pan brioche, con cordeiro asado, escabeche, crema de queixo e iogur e crema de allo asado. 

O público xa pode gozar desta e do resto de tapas. Os que o desexen terán a opción de puntualas a través dun código QR que entrega o propio establecemento. Tras a finalización do concurso, e como novidade, haberá un galardón especial para o bocado máis doce, co que se pretende incentivar a participación de cafeterías e bares que traballan almorzos e merendas en Santiago. O resto de premios corresponden coa mellor tapa tradicional, a máis creativa e a mellor sen gluten e vexetariana.

No Tapasporte, que se pode adquirir na Oficina de Turismo, na Asociación Hostalaría Compostela ou nos locais participantes, sepáranse as 62 propostas en 5 (é)Tapas, dependendo da súa localización: Camiño Inglés, Camiño Francés, Camiño Portugués, Vía da Prata e Camiño do Norte. Ademais, hai tres rutas pensadas para persoas celíacas, vexetarianas e para os máis larpeiros.

A formación foi outra das novidades desta nova edición de Santiago(é)Tapas, que este ano incluiu tres cursos para os hostaleiros durante as pasadas semanas. Un deles consistiu nun obradoiro de iniciación barista.

Ofreceranse máis de 200 agasallos para aquelas persoas que cubran algunha das rutas definidas no Tapasporte. Entre os agasallos inclúense produtos gastronómicos, como Piedras de Santiago; botellas de viño, queixos, meles e packs de produtos gastronómicos; entradas para espectáculos, festivais e o Museo da Cervexa (Mega); masaxes e agasallos de saúde e benestar; noites de hotel; ceas e xantares “experiencia” e abonos para o Obradoiro CAB. Mesmo exemplares asinados do libro O home que matou a Antía Morgade, de Arantza Portabales, no que Compostela e os seus establecementos de restauración teñen presenza.

Organizado por Turismo de Santiago, en coordinación coa Asociación Hostelería Compostela e o apoio da Deputación da Coruña, Santiago(é)Tapas busca dar a coñecer a gastronomía, poñer en valor os produtos galegos de calidade e dinamizar o sector da hostalería.