Entrevista | Elias J. Feijó Torres Decano da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago

“Necesitamos financiamentos adicionais para substituír os docentes xubilados”

O catedrático Elias J. Feijó (Tui, 1964) continúa ao cargo da Facultade de Filoloxía da USC, despois das eleccións celebradas o pasado 27 de xaneiro. Aposta por aumentar os espazos para o profesorado, o estudantado e persoal de administración, sen esquecer a necesidade dunha intervención integral na envolvente do edificio ao sufrir problemas de caracter térmico, humidade e filtracións de auga

Elias J.Feijó, reelixido decano de Filoloxía da USC

Elias J.Feijó, reelixido decano de Filoloxía da USC / Santi Alvite

P. Cales son os principais retos de cara ao novo mandato?

R. Un dos máis importantes é seguir traballando na cohesión da facultade e da comunidade no sentido de pertenza ao centro e á USC. Iso é o que permite avanzar. Propiciar e apoiar a innovación en todas as ordes ao alcance do traballo decanal (discente, docente, investigador, de transferencia e difusión do coñecemento) sería un segundo obxectivo. Tamén apostaremos por un traballo de aperturá a sociedade con vocación de servizo ao público. Debemos dar a coñecer o que se fai para logo intentalo corraborar con diferentes sectores sociais. Iso implica que teñamos un amplo programa cultural e de difusión de coñecemento con participación de diversos sectores, ademais de traballo intenso en infraestruturas, apoio á innovación docente, etc.

P. Cal é a situación actual do edificio e das súas aulas? 

R. Estamos traballando cos servizos de xerencia nunha identificación dos problemas do edificio, problemas de caracter térmico, de humidade e de filtracións de auga, e xa sabemos que iso pasa por unha intervención integral na envolvente do edificio. Ademais, pretendemos sacarlle o mellor partido ás propias infraestruturas que temos creando novas salas de aulas que permitan un desenvolvemento docente máis cooperativo. Tamén é importante crear novos espazos de investigación para albergar ás persoas que se van incorporando á docencia e á investigación na universidade e a aquelas que ao rematar unha etapa, como son os profesores eméritos, requiren dun espazo de traballo. En definitiva, trátase de aumentar o número de espazos para os docentes, estudantado e persoal de administración e servizos coa mirada posta, a medio prazo, en facilitar a apertura á sociedade.

P. Pódese dicir que hai renovación no equipo docente?

R. En termos de PDI somos, despois de Medicina, a segunda facultade da USC con máis persoal, o cal se aproxima a unha media de idade de 60 anos. Un dato preocupante que fai que estemos realizando un esforzo de renovación e continuaremos incidindo nesta cuestión á vicerreitoría de Profesorado. Hai que ter en conta tamén a capacidade crecente que o centro ten de captar novas figuras predoutorais ou posdoutorais. En definitiva, temos un cadro de persoal cunha media de idade elevada, moita experiencia, produción e adicación e non é tan fácil formar persoas novas que sustitúan en todas estas dimensións aos que se van xubilando. Necesitariamos financiamentos adicionais para poder corrixir isto. 

P. Contémplase ampliar a oferta docente en graos ou mestrados?

R. Sen dúbida. O próximo ano vai entrar en funcionamento un mestrado interuniversitario de Español como Lingua Estranxeira. En xeral temos unha estabilidade alta e unha demanda máis que aceptable no ámbito de mestrado, grao e doutoramento no conxunto da facultade. Pero isto non é para durmirse. Estamos nun proceso participativo para revisar a oferta docente, fundamentalmente nos graos, e ver se temos que facer cambios e con que obxectivos. Un proceso complicado porque, xunto coa Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, somos a facultade que máis oferta ten. Participa o estudantado e profesorado para tentar que sexa a máis adecuada posible aos tempos nos que estamos.

“Estamos nun proceso participativo para revisar a oferta docente, fundamentalmente nos graos, e ver se temos que facer cambios e con que obxectivos”

P. A facultade consegue captar alumnado internacional?

R. É un dato que crece co paso dos anos e xa estamos en cifras superiores a antes da pandemia. No actual curso académico 2023-24, a través do programa Erasmus, recibimos a 162 estudantes. Un dato que me leva a dicir que somos unha das facultades que máis estudantes recibe de fóra. Tamén aumentan os convenios bilaterais, estando nunha media de 20 nos últimos dous cursos. Estamos moi satisfeitos da demanda crecente que a Facultade de Filoloxía ten de estudantado internacional.

P. E por outra banda, hai interese do alumnado da USC en saír a cursar un ano da súa carreira fóra do país?

R. Hai unha media de 70 persoas que saen fóra dentro do programa Erasmus, ás que hai que sumarlle as que optan polo programa Sicue ou convenios bilaterais. O certo é que aquí temos marxe de crecemento e convirá que pensemos se pode haber dificultades económicas para a saída porque non todo o mundo que se candidata acaba saíndo. Un incentivo que debemos mellorar.

P. Como funciona o proceso das prácticas por parte do alumnado? 

R. A oferta de prácticas é moi importante. En Filoloxía son curriculares, pero non obrigatorias e resulta que había unha circunstancia que estaba impedindo un salto nas prácticas. No ano anterior á pandemia había 11 persoas en prácticas, tendo en conta que só optaban a elas os de cuarto ano. Tras abrir a posibilidade aos de terceiro estamos xa nas 44 persoas. Corroboramos que existe unha enorme satisfacción por parte dos empregadores, dos tutores académicos e do estudantado, polo que tamén decidimos abrir o bloque de posibilidades. Ademais de espazos vinculados directamente á lingua e servizos de normalización, agora temos persoas traballando en empresas do ámbito da comunicación ou en servizos sociais, entre outros.

A maiores, a facultade é pioneira no autoemprego e co apoio da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento, xa comezamos a ter estudantes que deseñan o seu propio emprego en termos de prácticas, todo un proceso de construción dunha profesión que esperamos que nun futuro acabe por profesionalizarse nese ámbito que abriu.

P. A satisfacción do alumnado cos estudos e coas posibilidades de adentrarse no mercado laboral.

R. Hai estudos que mostran que Filoloxía Clásica e carreiras de Humanidades son as de maior inserción e salario medio para as persoas egresadas da universidade. Os que rematan os seus estudos de Filoloxía mostran unha grande satisfacción pola oferta do centro e polas posibilidades de emprego que teñen, pero sabemos que hai desafíos como o mundo tecnolóxico, o mundo da cultura, da comunicación e a expresión oral e escrita. Queremos e debemos reflexionar para mellorar eses aspectos. 

P. Filoloxía da USC cumpre 50 anos e celebra o aniversario o vindeiro ano. Que implica para vostede esta conmemoración?

R. Para min é un privilexio ser o decano dos cincuenta anos da facultade. Polo momento non temos un programa concreto, pero sabemos que se vai implicar a toda a comunidade (estudantes, PDI, PAS, grupos de investigación). Reinará unha idea de memoria a través de persoas que constituíron os equipos decanais, fundamentalmente os decanos e decanas, e ademais a celebración ten que ser un momento en que digamos á sociedade en que está investindo o seu diñeiro e en que medida ese investimento é relevante para a mesma. A sociedade debe saber que contan cunha Facultade de Filoloxía que está ao seu servizo e que vai ir conseguindo éxitos resaltables.