Santiago

A USC atende a máis de 150 alumnos con discapacidade ou necesidades especiais

A cifra crece co avance do curso e o grupo máis amplo son os que sofren unha enfermidade neurodexenerativa

O contido das clases non varía pero hai adaptacións metodolóxicas

Javier Agrofojo, cordinador do Servizo de Participación e Inclusión Universitaria da USC, entrevista a unha alumna en Santiago

Javier Agrofojo, cordinador do Servizo de Participación e Inclusión Universitaria da USC, entrevista a unha alumna en Santiago / Cedida

O alumnado universitario con un certificado de discapacidade do 33% ou máis ten exención total de matrícula. Dese alumnado hai unha parte que solicita apoio do Servizo de Participación e Inclusión Universitaria (SEPIU) da USC. A maiores hai alumnado con necesidades específicas de apoio que non sofren unha discapacidade como pode ser un alumno/a con dislexia.

No actual curso académico, con datos de finais de febreiro, hai un total de 298 estudantes de grao, mestrado e doutoramento con exención de matrícula por discapacidade. En canto aos estudantes con discapacidade atendidos polo Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) suman 94: 90 de grao (70 mulleres e 20 homes), e 4 de mestrado (2 mulleres e dous homes). Por outra banda, as persoas con necesidades específicas de apoio educativo atendidas polo SEPIU son 70: 67 en graos (46 mulleres e 21 homes) e 3 en mestrado (2 mulleres e un home). A maiores hai 164 alumos de grao e mestrado con necesidades específicas de apoio que neste caso non reciben atención por parte da universidade.

Cifra en aumento

Trátase dunha cifra que vai crecendo co paso do curso segundo sinala en conversa con EL CORREO GALLEGO Javier Agrofojo Fernández, coordinador do Servizo de Participación e Inclusión Universitaria (SEPIU).

Os apoios fanse a alumnado con problemas de mobilidade, sensoriais (auditiva ou visual), neurodiversidade (TDA, TDAH, TEA, ...), dificultades da aprendizaxe (dislexia, discalulia) ou problemas de saúde mental (esquizofrenia, ansiedade, TOC,..). Neste contexto, o grupo máis numeroso é o de neurodiversidade, con arredor de medio centenar de persoas.

“A atención ao alumnado dende o servizo non para de medrar e dende a pandemia o crecemento foi exponencial. Antes atendíanse uns 50 alumnos e no ano 2021 a cifra subiu ata os 100 ou 120”, sinala. Agrafojo comentou que o maior aumento está dentro do alumnado con neurodiversidade polo feito de que “hai un maior consenso en torno ao que son as enfermidades neurolóxicas, hai máis literatura científica e unha mellora da diagnose”.

Para a atención directa ao alumnado con necesidades específicas de apoio e/ou discapacidade a USC conta con dúas persoas, unha en Lugo e outra en Santiago. Agrofojo actúa como cordinador de ambos campus. “No proceso de inclusión somos os que facemos a primeira intervención. Despois está a participación e colaboración de todos os docentes aos que se lle fan recomendacións de adaptacións curriculares, ademais do apoio que se lle presta aos alumnos e alumnas por parte do persoal de administración e servizos en facultades, residencias e colexios maiores”, asegura Agrofojo.

Axustes na metodoloxía

As clases para estes colectivos son “semellantes” ás do resto do estudantado. O que se aplica son adaptacións metodolóxicas para “poder suplir a desvantaxe” na que se atopan pola súa situación. Estas adaptacións teñen que ver co aumento de tempo para a elaboración dos exames, a entrega dos apuntamentos con antelación, aumentos do tipo de letra ou o cambio da modalidade avaliativa. En palabras de Agrofojo trátase de “pequenos axustes de metodoloxía que son moi importantes para estas persoas ao permitirlles facer o mesmo que o resto de compañeiros e chegar a progresar nos graos nos que están con normalidade”.

Agrofojo é o encargado de formular as adaptacións en Santiago. O protocolo de atención ao alumnado con necesidades específicas require unha solicitude formal por parte do alumno/a e a posteriori unha entrevista na se valoran as súas necesidades e así facer unha comunicación das mesmas aos docentes.

Existen unha serie de apoios técnicos e materiais que se ofrecen segundo as necesidades e a través dun proxecto de colaboración co Banco de Produtos de apoio da Fundación ONCE.

Agrofojo sinala que houbo un momento no que as universidades mercaban material para cederlle ao alumnado. Agora non se exerce esa modalidade de préstamo. “Os que requiren algún tipo de material téñeno en propiedade porque o usan na súa vida diaria”, conta, ao que engade: “Hai elementos máis específicos como receptores de CMR para que o alumnado con problemas auditivos poida seguir a clase con normalidade e este curso tamén se solicitaron fonendoscopios especiais”. O normal, para o coordinador do servizo, é que o alumnado teña o seu propio software adaptado porque se utiliza un produto propio da universidade “chegará un momento en que quede obsoleto” e non favorecerá a súa inclusión. Agrofojo incide en que a utilización do material propio supón “unha maior garantía de calidade no traballo”.

Unha aposta por lograr a igualdade de oportunidades

As enquisas de satisfación das persoas usuarias do servizo de inclusión da universidade son favorables. Segundo datos do último informe dispoñible, entre o 70% e o 80% das persoas consultadas consideran eficiente ou óptimo cuestións como a resolución de dúbidas, seguimento de casos ou información previa. No apartado relativo ao trato persoal ofrecido, Agrofojo conta que máis do 90% valora que é óptimo ou eficiente. O traballo pos-pandemia aumentou exponencialmente, polo que agora “non é posible realizar un seguimento exhaustivo da evolución destes indicadores”.

En calquera caso, Agrofojo di que o Servizo de Participación e Inclusión Universitaria (SEPIU) conseguiu avances para garantir a inclusión e, agora o estudantado que recibe este apoio atopa, grazas ao esforzo de toda a comunidade universitaria, “unhas condicións máis que favorables para formarse nun plano de igualdade como un profesional competente, como calquera outro estudante da USC”. En calquera caso, desde o SEPIUseguen atentos á información que reciben para tratar de mellorar, dentro das súas posibilidades, as axudas que ofrecen.