Aberta ata o 8 de maio a inscrición para participar no V Mercado do Libro da Festa do Banquete de Conxo

As librarías participantes terán posto de venda os días 25 e 26 de maio na praza Aurelio Aguirre

Imaxe do Bosque do Banquete na edición de 2023 desta popular festa

Imaxe do Bosque do Banquete na edición de 2023 desta popular festa / Jesús Prieto

Redacción

Librarías, editoriais e outras empresas vencelladas ao mundo do libro e da ilustración poden inscribirse, a través do departamento de Comercio do Concello de Santiago, para participar no V Mercado do Libro integrado na programación da Festa do Banquete de Conxo. O prazo para facelo -a través do trámite Autorización da ocupación da vía pública para actividades varias na sede electrónica do Concello- remata o 8 de maio

Pero coma cada ano non só se trata de dispor dun posto de venda na praza Aurelio Aguirre de Conxo, senón que as librarías e demais empresas tamén poden propoñer actividades complementarias como recitais e presentacións literarias ou artísticas. 

O mercado, que se celebrará o sábado 25 e o domingo 26 de maio, contará este ano cunha mostra de oficios tradicionais, coa exhibición en vivo do traballo de artesáns de diferentes profesións tradicionais tales coma a forxa, a orfebraría,o traballo do coiro ou a cerámica.

Dende o departamento de Comercio advírtese que “no caso de superarse o número de postos dispoñibles, a organización seleccionará os participantes por estrito orde de rexistro das solicitudes” e, entre elas ademais, terán preferencia os negocios da cidade.

Os hostaleiros interesados na instalación de postos de polbo con carpa deben tramitar a autorización de ocupación no Bosque do Banquete ata o día o 13 de maio.