Síguenos en redes sociales:

Raxoi agarda do Refuxio de Bando unha valoración de necesidades a resolver

A alcaldesa Goretti Sanmartín afirma que se realizaron “melloras importantes pero non suficientes” no canil

Raxoi agarda do Refuxio de Bando unha valoración de necesidades a resolverJesús Prieto

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, fixo este luns referencia á situación do Refuxio de Bando, a raíz dunha información publicada por este diario na que se facía referencia á saturación do canil, ás dificultades para manter a limpeza e a desparasitación e á incapacidade de proporcionarlle aos animais recollidos a atención médica e cirúrxica necesaria. Unha situación da que daban a voz de alarma os voluntarios a través dunha petición na plataforma change.org que supera as 10.000 sinaturas.

Segundo informou Sanmartín, o concelleiro de Dereitos dos animais, Xesús Domínguez, mantén reunións periódicas tanto co persoal do refuxio coma cos voluntarios do mesmo e asegura que se veñen de facer nas instalacións “reformas importantes pero non suficientes”. “Levamos tendo reunións por parte da Concellaría coas persoas, tanto voluntarias como responsables do refuxio, e unha vez acabadas as reformas espérase unha valoración das necesidades que ten estes momentos”.

A alcaldesa de Santiago insistiu nas súas declaracións no Pazo de Raxoi en que o Goberno local permanece á espera de que dende Bando se achegue dita valoración e lembrou tamén que a problemática non difire doutros canís, en relación á saturación e á falta de medios, recalcou a disposición do Goberno que lidera para estudar as distintas opcións de mellora que se propoñan e deixou tamén enriba da mesa que se trata dun canil que dá servizo non só á cidade senón tamén aos concellos da contorna.

Neste sentido, e en especial en relación coa saturación do refuxio, a rexedora municipal quixo facer unha chamamento á cidadanía “de concienciación e sensibilización fronte ao abondono de animais”, en especial nestes momentos sobre todo de cans e de cadelas, “un chamamento á comprensión respecto de non seguir abandonando”, insistiu.

Ao respecto da situación dos animais sobre a que alertan os voluntarios do Refuxio de Bando, Sanmartín non fixo valoracións, pero segundo as informacións achegadas polos voluntarios e recollidas en EL CORREO GALLEGO. “non se cumpre aLei de Benestar Animal”. Segundo indican, “o informe da veterinaria demostra que non están facendo nada para mellorar as cousas. Continuamente hai pelexas, cans mordidos e mortes. O centro non funciona ben e non se promoven as acollidas”.

Por todo isto, a intención do persoal é a de trasladarlle, no curto prazo, a situación do refuxio ao padroado da fundación que o xestiona e á súa presidenta, Goretti Sanmartín, porque “a todos lles compete solucionar a situación”, explican os voluntarios.

Pulsa para ver más contenido para ti