Raxoi agarda do Refuxio de Bando unha valoración de necesidades a resolver

A alcaldesa Goretti Sanmartín afirma que se realizaron “melloras importantes pero non suficientes” no canil

Sanmartín chama á sensibilización fronte ao abandono

Sanmartín chama á sensibilización fronte ao abandono / Jesús Prieto

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, fixo este luns referencia á situación do Refuxio de Bando, a raíz dunha información publicada por este diario na que se facía referencia á saturación do canil, ás dificultades para manter a limpeza e a desparasitación e á incapacidade de proporcionarlle aos animais recollidos a atención médica e cirúrxica necesaria. Unha situación da que daban a voz de alarma os voluntarios a través dunha petición na plataforma change.org que supera as 10.000 sinaturas.

Segundo informou Sanmartín, o concelleiro de Dereitos dos animais, Xesús Domínguez, mantén reunións periódicas tanto co persoal do refuxio coma cos voluntarios do mesmo e asegura que se veñen de facer nas instalacións “reformas importantes pero non suficientes”. “Levamos tendo reunións por parte da Concellaría coas persoas, tanto voluntarias como responsables do refuxio, e unha vez acabadas as reformas espérase unha valoración das necesidades que ten estes momentos”.

A alcaldesa de Santiago insistiu nas súas declaracións no Pazo de Raxoi en que o Goberno local permanece á espera de que dende Bando se achegue dita valoración e lembrou tamén que a problemática non difire doutros canís, en relación á saturación e á falta de medios, recalcou a disposición do Goberno que lidera para estudar as distintas opcións de mellora que se propoñan e deixou tamén enriba da mesa que se trata dun canil que dá servizo non só á cidade senón tamén aos concellos da contorna.

Neste sentido, e en especial en relación coa saturación do refuxio, a rexedora municipal quixo facer unha chamamento á cidadanía “de concienciación e sensibilización fronte ao abondono de animais”, en especial nestes momentos sobre todo de cans e de cadelas, “un chamamento á comprensión respecto de non seguir abandonando”, insistiu.

Ao respecto da situación dos animais sobre a que alertan os voluntarios do Refuxio de Bando, Sanmartín non fixo valoracións, pero segundo as informacións achegadas polos voluntarios e recollidas en EL CORREO GALLEGO. “non se cumpre a Lei de Benestar Animal”. Segundo indican, “o informe da veterinaria demostra que non están facendo nada para mellorar as cousas. Continuamente hai pelexas, cans mordidos e mortes. O centro non funciona ben e non se promoven as acollidas”.

Por todo isto, a intención do persoal é a de trasladarlle, no curto prazo, a situación do refuxio ao padroado da fundación que o xestiona e á súa presidenta, Goretti Sanmartín, porque “a todos lles compete solucionar a situación”, explican os voluntarios.