Grandes esquecidas: as mulleres agochadas entre as sombras da historia de Galicia

Foron moitas as galegas que fixeron cousas destacables ao longo dos séculos, pero moi poucas son recordadas pola sociedade 

Dende a primeira corresponsal de guerra ata a primeira almirante

Mulleres que a historia de Galicia debe recordar

Mulleres que a historia de Galicia debe recordar / Adriana Quesada

A historia de Galicia, e do mundo, está chea de mulleres esquecidas: científicas, escritoras, pensadoras, xornalistas... Persoas que foron dadas de lado por razón do seu xénero e que non tiveron as mesmas oportunidades que os seus coetáneos homes.

Xa son moi soados os nomes de Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Rosalía de Castro... Mulleres que non puideron ser esquecidas pola súa importante traxectoria e que, como no caso de Rosalía de Castro, tamén forman parte da cultura popular do pobo galego. Non obstante, a pesar disto, moitas outras seguen agochadas entre as sombras e dobreces do paso dos anos e séculos.

Sofía Casanova

Sofía Casanova foi a primeira muller correspondente de guerra. Nacida en Almeiras, A Coruña, e cunha vida digna de novela, era unha muller coñecedora de distintos idiomas, a cal a Primeira Guerra Mundial sorprendeu estando na fronteira con Alemaña. Despois duns meses neses territorios, moveuse a Varsovia onde o xornal ABC a declarou correspondente de guerra dentro da zona oriental.

Sofía Casanova non só foi a primeira muller en poder exercer dita profesión, senón que dentro da súa carreira profesional houbo traballos tan destacados como unha entrevista a Troski e a súa testemuña de eventos como o golpe de estado de Lenin. Non chegou a cubrir integramente a Segunda Guerra Mundial, botárona do ABC por escribir contra a ocupación alemá de Polonia e morreu no 1958.

As rúas son (d)elas: unha entrega especial de Calles de Santiago para celebrar o 8M

Javier Rosende Novo

Isabel Zendal

O nome de Isabel Zendal é recoñecido por ser o que recibe o hospital de emerxencias de Madrid. Non obstante, quen foi esta muller? Nada en Ordes, A Coruña, no 1773 é recoñecida pola Organización Mundial da Saúde (OMS) por ser a primeira enfermeira en participar nunha misión internacional. Nun momento no que a varíola representaba unha ameaza para milleiros de vidas, un médico inglés foi quen de atopar unha vacina para paliar esta problemática.

O médico da corte de Carlos IV, coñecedor disto, fixo que o rei permitira a distribución da vacina no continente americano. Para lograr este obxectivo inocularon a varios nenos, posto que non podían viaxar coa vacina nun barco debido as condicións ambientais, e a tarefa de Isabel Zendal era que todos chegaran con vida ao seu destino. Puxo en alza o seu labor cobrando o mesmo que un enfermeiro e cumprindo coa súa obriga case a perfección.

María Soliño

Ai que soliña quedaches, María, María Soliña.

España no século XVII foi o escenario de xuízos levados a cabo pola Inquisición a supostas meigas e María Siliño, de Cangas, foi unha delas. Entrando no cárcere segredo da Inquisición no 1621, o seu xuízo centrouse en amosar que esta muller tiña poderes demoníacos capaces de espertar o mal, cando realmente detrás desas acusacións estaba o interese da nobreza de facerse coas súas posesións.

A pesar do que calquera puidera pensar, María Soliño, aos 70 anos de idade e despois de ser sometida a torturas, asegurou que levaba sendo bruxa dúas décadas á vez que pedía clemencia ao xulgado porque se arrepentía. Nun principio, xunto con outras mulleres, foi sentenciada a morrer na fogueira, pero remataría por ser perdoada e condenada a unha confiscación de bens e a portar o hábito penitencial. Descoñécese que pasou con María despois de ser posta en liberdade.

Isabel Barreto

Nativa de Pontevedra, Isabel Barreto foi a primeira muller almirante de navegación a nivel mundial. Nada no 1567 e casada co aventureiro Álvaro de Mendaña, quen descubriu as illas de Salomón, Isabel embarcou co seu marido para facerse coas riquezas deste territorio.

Durante esta expedición, Álvaro de Mendaña perdería a vida deixando todo a súa muller, incluída a súa posición ao fronte da expedición. Por primeira vez na historia da conquista española, unha muller estaba no cargo de máxima autoridade. Non obstante, é preciso recordar que a figura de Isabel Barreto non só foi esquecida, senón que tamén manchada polas acusacións de ser unha persoa cruel cos que habitaban os territorios que quería conquistar e coa propia xente da tripulación.

Arturo Fernández Cersa representou a heroína María Pita cargando contra os ingleses

Arturo Fernández Cersa representou a heroína María Pita cargando contra os ingleses / El Correo Gallego

María Pita

Cantos barcos ao longo da historia levarían o nome desta muller? Nada en Cambre no 1565, converteuse nunha heroína ao conseguir a retirada das tropas inglesas de A Coruña. No momento en que os ingleses chegaron a este territorio, os habitantes víronse obrigados a agocharse na chamada Cidade Vella.

Nunha situación de desprotección e baixo o grito de “Quen teña honra que me siga”, María Pita conseguiu espertar os ánimos dos coruñeses para que levantasen as súas armas contra os ingleses, que remataron por fuxir do territorio.

María Luz Morales

A primeira directora muller dun xornal de alcance nacional foi María Luz Morales, nada en A Coruña no 1889. España vivía momentos convulsos pola guerra civil e o goberno catalán confiscou varias cabeceiras de xornais, entre os que se atopaba La Vanguardia. Para substituír ao director que tiña naquel momento, escolleron á única muller da redacción: María Luz Morales. Despois da vitoria de Franco e a censura que houbo durante a posterior ditadura, Morales sufriu esta represión adicándose a literatura.

No 1940 foi encarcerada nun convento de Sarriá polo delito de ter sido directora dun xornal “rojo”. Despois de cumprir a súa condena de 40 días perdeu a condición de xornalista, pero continuou publicando baixo nomes como Jorge Marineda ou Ariel.

Jimena y Elisa Fernández de la Vega

Dúas irmás xemelgas nadas en Vegadeo (Asturias) no 1895 marcaron a historia dos estudos profesionais por parte de mulleres. Tres anos antes de que ingresaran na universidade publicábase o decreto que permitía ás persoas de sexo feminino matricularse nesta institución en condicións similares ás dos homes. Así foi como se converteron nas primeiras mulleres en acceder á Universidade de Santiago de Compostela no 1914 e, a pesar das burlas e discriminacións dos seus compañeiros e profesores, conseguiron licenciarse en Medicina destacando enormemente cos seus expedientes.

Cipriana, Josefa y María

Na madrugada do 2 de xaneiro de 1922 chegaba ás costas de Ribeira, concretamente ás da illa de Sálvora, o Santa Isabel. Este barco que transportaba a máis de 250 pasaxeiros protagonizou un suceso coñecido como o “Titánic galego”, xa que comezou a afundirse nesta zona.

Debido a que acababa de ser Ano Novo, na illa quedaban pouco máis dunha vintena de habitantes, xa que a maioría estaban noutros lugares pasando estas datas coas súas familias. Cipriana Oujo, Josefa Parada e María Fernández, de 24, 16 e 14 anos respectivamente, alertaron aos veciños e lanzáronse ás escuras augas para salvar a maior xente posible. Unha cuarta muller, Cipriana Crujeiras, esperaba aos sobreviventes para asistilos na costa. Máis de 200 persoas morreron afogadas e elas foron condecoradas como “Heroínas de Sálvora” polo seu labor.

Irene González

En 1909 nacía en A Coruña a que sería a primeira xogadora de fútbol profesional de España: Irene González. Compartindo equipo con xogadores masculinos que rematarían por destacar neste deporte, como Eduardo González Valiño, Irene era quen de encher campos de fútbol cada semana para vela xogar.

A pesar dos comentarios despectivos por entremeterse nun mundo que era considerado unicamente masculino, seguiu adiante fundando o seu propio equipo no 1924: Irene F.C. Non obstante, a tuberculose fíxoa alonxarse do campo de xogo e perder a vida con tan só 19 anos no 1928.