A escritora Marilar Aleixandre xa ten o seu ‘cuarto vivo’ no hotel Bela Fisterra

Convértese na terceira madriña do establecemento literario

Alexandre Nerium, esqda., Marilar Aleixandre e Juan C. Mestre

Alexandre Nerium, esqda., Marilar Aleixandre e Juan C. Mestre / Víctor Hugo

Suso Souto

A escritora Marilar Aleixandre (Madrid, 1947)foi este sábado a madriña de Marea Viva, o cuarto vivo do hotel literario Bela Fisterra, con 16 habitacións, 15 dedicadas ás grandes obras da literatura universal do mar e unha dedicada a unha estrela literaria contemporánea que, logo de aloxarse nese cuarto, se inspira e crea unha obra para tematizar ese espazo. A primeira Marea Viva foi Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía 2023, e sucedeuna Juan Carlos Mestre, o artista berciano, Premio Nacional de Poesía 2009 e da Crítica 2012. En canto a Marilar Aleixandre, poeta, feminista e narradora, é autora de novelas como As malas mulleres (Premio Nacional de Narrativa 2022 e Blanco Amor 2020); Teoría do caos (premios Xerais e San Clemente); ou A compañía clandestina de contrapublicidade (Premio Álvaro Cunqueiro). En 2017 ingresou na RAG co discurso Voces termando da paisaxe galega.

No acto deste sábado a autora estivo acompañada polos escritores Alexandre Nerium, Juan Carlos Mestre e Modesto Fraga, entre outros, así como pola directora de Galicia Calidade, Ana Méndez, e polo propietario do Bela Fisterra, Pepe Formoso, entre moitas outras persoas.