INFRAESTRUTURAS

Demandan no Parlamento máis solo industrial para Costa da Morte e Barbanza

No polígono de Carballo só hai tres parcelas dispoñibles

Na Pobra, Boiro, Rianxo e Ribeira o chan empresarial está esgotado

O polígono de Bértoa en Carballo só ten tres parcelas dispoñibles

O polígono de Bértoa en Carballo só ten tres parcelas dispoñibles / Cedida

J. M. Ramos

O PSOE e o BNG levaron ao Parlamento a necesidade de habilitar máis solo industrial en Costa da Morte e Barbanza. A deputada socialista Patricia Iglesias trasladou “a preocupación” da comunidade de propietarios do polígono de Bértoa (Carballo), “que só ten dispoñibles 3 parcelas nos 1,2 millóns de metros cadrados do parque, e a ampliación prevista non vai precisamente a fume de carozo”. Ademais, sinalou que os empresarios “insisten na urxencia da conexión mediante bus para as 2.800 persoas que traballan no polígono e na construción da variante, unha obra iniciada en 2005, e que o PP deixou caducar en 2013”.

Pola súa banda, a deputada do BNG Rosana Pérez denunciou no Parlamento “a escaseza clamorosa de chan industrial na comarca de Barbanza, onde os catro parques empresariais existentes non dispoñen na actualidade dun só metro de chan industrial”.

Por iso, instou á Xunta a retomar “con urxencia” o proxecto do Parque Empresarial da Barbanza para que a comarca poida seguir crecendo.