O irlandés John Banville e a palestina Adania Shibli: estrelas internacionais da VIII Selic en Compostela

O festival da lectura desenvolverase na praza da Quintana do 7 ao 16 de xuño

Esta edición conságrase á literatura ‘criminal’

O ano pasado a Selic volveuse desenvolver na Quintana, logo de situarse despois da pandemia na rúa do Vilar e na praza do Toural

O ano pasado a Selic volveuse desenvolver na Quintana, logo de situarse despois da pandemia na rúa do Vilar e na praza do Toural / Jesús Prieto

A concelleira de Capital cultural, Míriam Louzao, presentou na mañá do martes unha parte da programación da VIII Selic, festival da lectura, en compañía do seu director, Camilo Franco. Unha edición que este ano se consagra especialmente ao xénero da literatura negra ou “criminal”, en palabras de Franco, con tres xornadas temáticas e dous clubes de lectura xa en desenvolvemento: un na biblioteca da localidade de Braga (Portugal) e outro na Ánxel Casal de Compostela.

Entre as figuras máis internacionais da Selic 2024, que se desenvolverá na praza da Quintana entre o 7 e o 16 de xuño, cómpre destacar a autora palestina Adania Shibli e o escritor irlandés John Banville, cuxo alter ego Benjamin Black asina as súas novelas cando se trata do xénero negro. Ela, foi censurada na última Feira do Libro de Frankfurt tan só pola coincidencia desta co comezo do conflito bélico entre Hamas e Israel na Franxa de Gaza; el achegará á Selic “dous autores nun”, comentou Franco sobre a “dobre militancia” literaria de Banville (Premio Princesa de Asturias) “como autor irlandés e do xénero criminal”.

Xunto a eles, pasarán pola carpa da Quintana autores de literatura “criminal” como a catalá Rosa Ribas, o portugués João Tordo e Miguel Barrero, actual director da Semana Negra de Xixón. Pola parte galega, pois a Selic ten, segundo Camilo Franco, “vocación de converterse en festival de referencia, polo seu carácter internacional mais tamén por dar a coñecer a literatura que se fai aquí” achegaranse Bieito Iglesias -co seu inspector Benito Marañao-, Leo de Matamá, Rosa Aneiros e Diego Ameixeiras, pero a Selic aínda seguirá anunciando máis escritores e escritoras.

Vidal Bolaño e Carlos Reigosa

Un ano máis mantense e amplíase o percorrido do roteiro literario Doentes. Un paseo guiado e dramatizado polos espazos da obra do dramaturgo santiagués Roberto Vidal Bolaño, inspirada no desaloxo en 1950 do Hospital Real de Compostela para configurar o que hoxe é Hostal dos Reis Católicos.

O outro autor galego de referencia será este ano o escritor Carlos Reigosa, no corenta aniversario de alzarse co primeiro Premio Xerais coa obra Crime en Compostela. O público da Selic vai poder gozar cun encontro ao vivo co autor e, xunto ao roteiro Doentes, a Selic consolida a súa tendenza a vencellar Santiago e a literatura remarcando o protagonismo da cidade no mundo da ficción.  

Lectura para a rapazada

Esta edición da Selic vai contar, como explicou o seu director en rolda de prensa, cun espazo de lectura na carpa que se instalará na Quintana, especialmente pensado “para a rapazada” e organizado en colaboración coa Biblioteca Pública Ánxel Casal. Do que se trata é de que o público, neste caso tamén o máis novo, “veña e lea, non só escoite ou merque literatura”, destacou Camilo Franco.

Nesta liña de difusión do hábito lector e de completar a programación do festival máis alá de encontros con autores ou compra de libros, a Selic estableceu colaboracións con entidades como a Fundación Carlos Casares, a Biblioteca Lúcio Craveiro da Silva de Braga ou as dos Centros sociocultares de Santiago, nunha iniciativa que non se circunscribe só ás datas da Selic senón que se estende todo o ano.

A Feira do Libro de Santiago e o Festival Atlántica tamén colaborarán nesta VIII Selic, que non esquecerá a música nin o lecer e por iso programará os “sábados de cultura golfa” que buscan prolongar o peche desas xornadas do festival até algo máis entrada a noite. “Temos que aproveitar que en xuño ás dez aínda é día”, explicaba Franco, para promover un encontro máis próximo e distendido entre o público lector e os autores convidados.