Entrevista | Manuel Portas Exdirector do IES Xelmírez I e escritor

“Éntrame un nó na garganta cando chego ás portas do instituto”

Recibiu este venres unha homenaxe no salón de actos do instituto pola súa contribución ao ámbito político, académico e social de Compostela durante máis de corenta anos.

Manuel Portas, no centro, rodeado polo conselleiro Román Rodríguez e a alcaldesa, Goretti Sanmartín

Manuel Portas, no centro, rodeado polo conselleiro Román Rodríguez e a alcaldesa, Goretti Sanmartín / Jesús Prieto

O exdirector do IES Xelmírez I Manuel Portas (Barcelona, 1960) recibiu este venres unha homenaxe no salón de actos do instituto pola súa contribución ao ámbito político, académico e social de Compostela durante máis de corenta anos.

P. Chegou a Santiago con 17 anos para estudar e xa pasou aquí toda a túa etapa profesional. Que destaca desta cidade?

R. A cidade, inicialmente cidade universitaria, foi un dos ámbitos de relacións humanas máis apaixonantes que hai en toda Galicia. Unha persoa que entra na súa etapa estudantil acaba namorado da cidade e vivindo nela como se fora un santiagués de nacemento. 

P. Que recorda da súa etapa como concelleiro de Santiago entre 1999 e 2007?

R. A verdade é que foi unha etapa apaixonante. Era a primeira vez que cogobernaba o Bloque e foi moi interesante poñer en marcha algunhas políticas públicas, en concreto a participación veciñal na vida ordinaria do propio Concello, a tráves dos órganos de participación. Por outro lado, na área lingüística foi moi importante que Santiago fose a primeira institución de todo o país que tivese un plan de normalización lingüística, que foi aprobado por unanimidade da corporación municipal. 

P. Que repercusión tivo ese plan?

R. Foi un programa ambicioso que procuraba, precisamente a través da participación, levar a un incremento progresivo da utilización da nosa lingua. E creo que iso se puido ver no mundo da hostalaría, na educación, nas actividades culturais, económicas e deportivas e facendo un pouco gala do que é Santiago, que non deixa de ser a capital do país e por tanto un exemplo de asunción da lingua propia como lingua de uso.

P. Como recorda os seus inicios no instituto Xelmírez I?

R. Entrei en decembro de 1982, con 22 anos, cando o centro se situaba no edificio de San Caetano. Recordo un claustro inmenso e unha gran cantidade de alumnado que estudaba alí. Naquel momento só había tres centros na cidade: o Xelmírez I, o Rosalía e o Eduardo Pondal. Pódese definir de proceso traumático de abandono de San Caetano para Poza de Bar onde inicialmente saían os alumnos polas xanelas porque non había espazo para tanta xente. Foi un momento de compulsión dentro do propio instituto. Pouco a pouco foise asentando e acabou sendo en moitos aspectos da actividade educativa un centro de referencia. De feito, unha das nosas experiencias, denominada experiencia pedagóxica, acabou converténdose nun dos documentos base para a reforma educativa a nivel de estado. Polo tanto, mal non se debía estar facendo cando un grupo de profesores do instituto desenvolvía unha iniciativa desas características.

“É unha satisfacción que a xente que estivo contigo recoñeza ese esforzo humano, deixando moitas veces a vida particular a un lado para poder adicarse aos demais”

P. Que avances houbo no centro dende que comezou a súa etapa como docente?

R. Considero que os avances que experimentou o instituto son os que sufriu toda a educación pública do país e a educación mellorou moito desde aqueles inicios. Hai unha maior integración dos aspectos humanos do propio alumnado e do profesorado na vida do centro, de tal maneira que realmente se pode falar de comunidade educativa, un avance cualitativo desde o punto de vista pedagóxico e tamén dos medios e das instalacións, aínda que nunca chegan e sempre se piden máis. E é sano que sexa así. 

P. Xubilouse ao rematar o pasado curso académico, coincidindo coa celebración dos 178 anos de historia do centro, o cal acolleu unha exposición. Que supuxo para o centro?

R. Non deixa de ser un recoñecemento á propia historia e á personalidade do centro. A partir de 1845 converteuse no Instituto da Universidade, que era como se chamaba. Somos o centro herdeiro da documentación, dos materiais pedagóxicos, da biblioteca histórica, de tal maneira que preparar esa exposición foi unha reflexión sobre nós mesmos, sobre o camiño andado e desde logo produciu vertixe. Persoeiros como Manuel Murgía, Aurelio Aguirre, Montero Ríos, Castelao ou Valle Inclán pasaron polas aulas do instituto, o que dá un pouco de prestixio e de orgullo ao ter contribuído a que este país tivera figuras dese calibre. Ademais, cando vas pola rúa e os exalumnos che recordan a etapa feliz que pasaron no centro, enche de orgullo. 

P. Bota de menos ao alumnado?

R. Boto de menos ao alumnado e aos compañeiros/as que non deixan de ser a segunda familia que un ten. Son moitos anos de traballo e de facer cousas en conxunto, con moitas alegrías. De vez en cando achégome para tomar un café, pero éntrame un nó na garganta cando chego ás portas do instituto, polo que decido quedar con eles no Colexio Maior Rodríguez Cadarso.

P. Retomou a súa pasión pola escritura nestes últimos meses?

R. A escrita foi durante moito tempo o balón de osíxeno que me permitía desconectar un pouco do estrés do día a día. Agora estou escribindo con Santiago ao fondo. Esa reflexión sobre a historia da exposición que celebramos levoume a pensar que a cidade é materia literaria. Santiago sempre está no trasfondo das miñas novelas e agardo que siga sendo así. 

P. Como valora a homenaxe que selle adica en recoñecemento á contribución que fixo á cidade?

R. A verdade é que un síntese querido. Foron máis de 40 anos de adicación á rede pública, sexa na política ou na educación, e sempre é unha satisfacción que a xente que estivo contigo recoñeza ese esforzo humano, deixando moitas veces a vida particular a un lado para poder adicarse aos demais.