Compostela viva | Manuel Portas Exdirector do IES Xelmírez I

"Os mozos precisan pautas para non empobrecer as súas vidas cos móbiles"

Manuel Portas (Barcelona, 1960) deixa a docencia e a dirección do IES Xelmírez I tras máis de vinte anos no cargo durante dúas etapas e corenta dedicados ao ensino. O seu relevo como máximo cargo do centro tomouno Ricardo Rodríguez Carballada

Manuel Portas, exdirector do Instituto Xelmírez I

Manuel Portas, exdirector do Instituto Xelmírez I / AELG

Ademais do ensino, Manuel Portas ten tamén experiencia política con responsabilidades de goberno durante dúas lexislaturas no Concello de Santiago (1999-2007), tempo no que impulsou o primeiro Plan de Normalización Lingüística dun concello galego. Nesta entrevista fala sobre os cambios que experimentou o ensino durante ese tempo, a saúde mental dos rapaces, o estado do idioma nestes días ou os seus plans durante a súa xubilación.

Tras corenta anos abandona a docencia e a súa posición como director do Instituto Xelmírez. Que diferenzas considera que hai entre o modelo educativo que se atopou cando chegou no 82 e o que deixa agora?

Pois diría que cambiou da noite ao día. Pasando dun ensino, que nas portas da primeira reforma que vivimos, era completamente memorístico a un modelo moito máis práctico e máis vencellado á realidade. Ademais, as actividades, mal chamadas no seu momento extraescolares, forman xa parte do currículo e da aplicación da aprendizaxe.

O Instituto Xelmírez neste eido dinamizador, foi un referente, por exemplo con aquel método que excluía os exames da avaliación dos alumnos...

Non é que non houbera exames, o novidoso é que había moito máis. Tiñamos traballos grupais, prácticas in situ, por exemplo, na área de bioloxía ou xa no marco do que chamaramos no seu momento a experiencia pedagóxica conseguimos que se integrasen diferentes materias para a realización de cadernos de traballo. Contra o que todo o mundo pensa, ese modelo continúa a día de hoxe, o que acontece é que, fóra do que son os programas educativos que hai que darlles aos rapaces, os procedementos que pode facer o equipo docente teñen un carácter extraordinario na medida en que teñen que cadrar profesores co mesmo modo de entender o ensino. Poño por caso, cando hai unha excursión prepáranse as cousas de forma conxunta, repártese o traballo e titorízase e deste xeito dá un rendemento formativo moito máis elevado. Porque, deste xeito, o propio alumnado entende que aquí non se trata tanto de meter coñecementos na cabeza, senón de atopar a súa aplicación práctica, sentíndose ademais partícipes. Iso é fundamental, que os rapaces se convirtan no centro do proceso formativo.

Imaxino que percibiría tamén importantes cambios entre o propio alumnado.

Si, claro que mudaron, pero estes cambios teñen máis que ver coas propias transformacións da sociedade.

Agora o teléfono móbil é unha extensión máis do seu corpo...

Efectivamente, ademais estamos nun momento en que tanto o alumnado como o propio profesorado estamos tratando de integrar todas estas novas ferramentas, incluído o propio teléfono, no proceso formativo. Pero aínda queda moito por delimitar. Por exemplo, este último curso no Xelmírez decidimos acoutar a utilización do móvil dentro do recinto escolar para que se circunscribise exclusivamente aos usos didácticos -diccionario, calculadora, procura de información- e sempre e cando o profe así o decida, porque se estaba convertindo nun elemento substitutivo da comunicación dentro do propio centro. E todo iso daba pé a conflitividades varias, propias da adolescencia, que antes podían ter unha solución natural, unha comunicación directa. Os mozos teñen que aprender a utilizar estas ferramentas, que realmente son magníficas para o traballo e tamén para a comunicación, dentro dunhas pautas normais para a vida. Non pode ser que un mozo, por exemplo, estea ata as 3 da mañá enganchado ao móbil.

Este último curso no Xelmírez decidimos acoutar a utilización do móbil dentro do recinto escolar para que se circunscribise exclusivamente aos usos didácticos

Cre que está isto relacionado con que a saúde mental se resinta cada vez con maior antelación? 

Considero que si, aceléranse precisamente polo que estabamos falando. Aínda non están delimitadas as funcións das novas tecnoloxías na vida habitual, e xa non falo só do alumnado, estamos utilizando un vehículo substitutivo de comunicación que o que fai realmente é limitar a comunicación natural. É necesario que os rapaces reciban pautas de uso dos móbiles para non empobrecer a súa vida e que non caian precisamente nun mundo virtual onde realmente os danos poden ser moitos, dende procesos depresivos ata sentimentos de acoso pasando por transtornos de ansiedade. Ademais, nestes momentos estamos aínda vivindo as consecuencias da pandemia. Moitos destes rapaces na súa última etapa de preadolescencia e inicio da adolescencia sufriron esa situación. Foi unha marea silenciosa que aínda aflora na actualidade.

Neste sentido parece importante que no ensino medio se vaian abarcando programas de axuda aos rapaces para coa súa saúde mental

Así é, de feito xa existe. Neste eido hai que destacar o papel que desempeñan as áreas de convivencia dentro do organigrama dos centros, así como os departamentos de orientación que están traballando magnificamente polo menos na miña experiencia no Xelmírez. Son eles os que están detectando os problemas, e cando é preciso existe tamén unha estrutura a nivel provincial da propia Consellería que apoia nos casos máis graves. O sistema funciona, pero necesita de máis persoal traballando nisto.

É necesario que os rapaces reciban pautas de uso dos móbiles para que non caian nun mundo virtual onde os danos poden ser moitos: dende procesos depresivos ata sentimentos de acoso pasando por transtornos de ansiedade

Vista a evolución descendente do emprego da lingua galega, sobre todo entre a rapazada, durante os seus 40 anos dedicado á docencia, considera que existe un perigo real de desaparición da lingua sobre todo entre as idades máis novas?

Sí, pero a lingua é un fenómeno complexo de carácter social e todo ten os seus matices. É máis que evidente que a lingua galega gañou espazos e normalidade dentro da vida dos centros tamén.

O que descendeu foi o uso natural do idioma, para o que é preciso implementar políticas linguísticas decididas de galeguización para crear ámbitos de uso e sen cancelas. O marco legal defende que ao terminar o proceso educativo os rapaces dominen os dous idiomas, pero realmente o seu dominio do español está hipergarantido.

Máis alá do ensino tamén semella necesaria a creación de espazos de aproximación afectiva á lingua...

É necesario o fortalecemento de ámbitos normalizados e seguir aportando unha oferta dos produtos que eles consomen, pero no noso idioma. Literatura, música, informática ou programación infantil -onde cabe mencionar o Xabarín- entre outras. Necesitamos, polo tanto, multiplicar esforzos para non só consolidar, senón ampliar esa oferta. A perda do galego non suporía só a perda dunha seña de identidade, senón dun amplo abano de posibilidades comunicativas. Dende o punto de vista lingüístico non hai xente máis afortunada que os galegos que a través do sistema educativo poden dominar tres linguas e ter unha capacidade de comunicación que non teñen outros pobos.

Está demostrado que pensamos a tráves das linguas e cantas máis linguas domines, máis capacidade tes de comprender o mundo.

É preciso implementar políticas linguísticas decididas de galeguización para crear ámbitos de uso e sen cancelas. O uso do español está hipergarantido

Que plans ten de cara á súa xubilación?

De entrada vou homenaxear a Walt Whitman e vou ver medrar a herba. Quero dicir, teño ganas de relaxarme e ao mesmo tempo dedicarme a outra das miñas grandes paixóns, que é a escrita. Tralo meu paso polas aulas e tamén pola política considérome un observador privilexiado, entón teño ganas de escribir. Aínda que tamén de ler, que as novelas xa se van apilando.

Nestes 40 anos nas aulas, vería moitas caras que despois coparon espazo en xornais...

A verdade é que si. Tiven moitos alumnos que despois foron deputados ou alcaldes, ademais en todas as forzas políticas. Pero non só políticos, tamén profesores da universidade ou noutros centros educativos, e mesmo directores de cine. Con algún deles aínda me sigo reunindo cada certo tempo para xantar e intercambiar lembranzas. O contacto humano ao final lémbranos que tan mal non o fixemos (ri).

Sinteticamente, de toda esa traxectoria cal é o seu mellor e o seu peor recordo?

O certo é que houbo momentos moi complicados para a vida do centro. Lembro que cando collín a dirección con só 28 anos a metade do claustro non se falaba coa outra metade debido a aquela estrutura dos vellos catedráticos, ben diferenciados dos “agregados”. Entón houbo que traballar, con moita paciencia e moito sentido común, para ir cambiando unha dinámica que era estúpida. Precisamente, dentro dos mellores destacaría a creación desa comunidade e a relación cos compañeiros porque o papel dun director non é o de mandar, senón o de coordinar, buscar os recursos que os profes necesitan. É por iso que non podo pasar sen mencionar a xente que me acompañou como César Lema, Roberto Rodríguez, Berta Mata ou María Diz, entre outros.

Por este instituto pasaron os Murguía, os Pondal, os Aurelio Aguirre, os Castelao os Suárez Picallo, os Valle Inclán... que son os mesmos alumnos que temos hoxe en día e que vemos como tiran para adiante, pero lamentablemente na actualidade a docencia por veces non está recoñecida pola sociedade.