Muxía dotará da demandada rede de auga potable ao lugar de Suxo

Dende o goberno local din que, “despois de décadas de promesas incumpridas” van comezar xa as obras

O alcalde socialista do Concello de Muxía, Iago Toba.

O alcalde socialista do Concello de Muxía, Iago Toba. / X.M. Lema

Redacción

A rede de abastecemento de auga potable ao lugar de Suxo (Muxía), un dos proxectos máis esperados e demandados pola veciñanza, comeza a tomar forma. A empresa concesionaria xa instalou as casetas de obra “e nos vindeiros días chegará a maquinaria para comezar os traballos”, segundo informa o goberno local.

O alcalde Iago Toba, e os concelleiros Olalla Banlloch e Javier Romar, reuníronse coa veciñanza con fin de resolver dúbidas e explicou polo miúdo o proceso no que está inmersa a obra. Quixeron ademais “dar as gracias a todos os veciños por ter confiado no labor deste equipo de tres persoas, e tamén por demostrar que despois de décadas de promesas incumpridas, por parte de diferentes gobernos anteriores con maioría absoluta, conseguiuse facer realidade este gran proxecto”.

Dan así “o derradeiro paso para satisfacer unha demanda histórica da veciñanza de Suxo”, subliñou o rexedor, asegurando que “é un orgullo ver como se cumpren promesas e obxectivos con feitos e tras centos de horas de traballo, reunións e permisos”.

Toba que tamén quixo lembrar “o apoio e o cariño recibido por parte dos veciños e veciñas cando o proxecto padecía as trabas e os obstáculos da oposición para a súa aprobación en pleno”.

Unha actuación que se confirma despois de aprobar tamén novos proxectos que serán financiados con fondos da Deputación da Coruña. Entre eles destaca a creación dun programa de limpieza de todos os espazos públicos municipios, ao que destinarán un total de 108.000 euros. Dende o goberno local sinalan ademais que esta iniciativa permitirá “crear varios postos de traballo”.