Estudos Bergantiñáns denuncia o abandono do Monte Neme e porá sobre a mesa ideas de valorización

Din que é un referente xeográfico e histórico da comarca // Os usos lúdicos poden compatibilizarse co aproveitamento forestal

Balsa mineira do Monte Neme, onde cesou a actividade industrial no ano 2011. Asociación petón do lobo

Balsa mineira do Monte Neme, onde cesou a actividade industrial no ano 2011. Asociación petón do lobo / j. m. ramos

Dar a coñecer, poñer en valor e, ao mesmo tempo, denunciar a situación de abandono na que se atopa o Monte Neme son os obxectivos que levaron ao Instituto de Estudos Bergantiñáns (IEB) a organizar o venres, día 24 no Casino de Carballo, unha mesa redonda para avaliar a historia e expectativas de futuro dun espazo que, segundo o seu presidente, Xan Fernández Carrera, “é un dos lugares máis emblemáticos de Bergantiños e un referente xeográfico e histórico da comarca”.

No encontro, que comezará ás 20.00 horas, participarán o profesor e historiador carballés Xan Fraga, o coordinador da Plataforma pola Defensa do Monte Neme, Hadrián Eirís; o representante da comunidade de montes de Oza, Roberto Rivas; un extraballador da mina, Darío Barreiro; o presidente do IEB, Xan Fernández, e o avogado e escritor Xosé Antonio Andrade, como moderador.

Fernández Carrera subliña que o Monte Neme reunía suficientes atractivos para que os antigos brigantinos “o considerasen un elemento singular da paisaxe das terras centrais da bisbarra, especialmente pola súa situación estratéxica á beira do mar, “sen outros accidentes destacados arredor, e cun gran poderío de dominio sobre a contorna”. Ademais, era “un importante subministrador de materias primas para as comunidades veciñas”.

Nembargantes, trala explotación mineira durante o século XX despois de descubir o wolframio, “sufriría unha grave alteración, que levou á desaparición dos restos históricos que se conservaban na súa cima, símbolo da súa importancia en épocas pasadas”, subliña Xan Fernández. Despois do peche da actividade mineira en 2011, e dos fallidos intentos para que a empresa concesionaria levase a cabo un plan de rexeneración, a Xunta solicitou e fóronlle concedidos fondos europeos para recuperar a contorna.

Dende o Instituto de Estudos Bergantiñáns entenden que o proxecto de rehabilitación “terá que ter en conta tamén a posta en valor do monte de cara o futuro e aproveitar o potencial natural, histórico, cultural e turístico que ofrece este espazo”. Din que é o mellor miradoiro da comarca e ofrece “excelentes condicións para deportes ao aire libre, rutas históricas ou actividades medioambientais compatibles co aproveitamento forestal, o cal contribuiría a xerar oportunidades e fixar poboación no medio rural”.