Ano Xubilar

A centenaria historia de Cee nun libro

O historiador e técnico de Cultura, Víctor Castiñeira, despois de anos de investigación, recolleu os fitos máis importantes da parroquia da Virxe da Xunqueira // A patroa ceense alcanzou un notable protagonismo a partir do século XVIII e no XIX a vila medrou en todos os ámbitos

Víctor Castiñeira diante da Torre do Reloxo deseñada polo ceense Domingo de Andrade/hugh mcginley

Víctor Castiñeira diante da Torre do Reloxo deseñada polo ceense Domingo de Andrade/hugh mcginley / J. M. RAMOS

Máis de cinco séculos de historia e varios anos de investigación e intenso traballo aparecen condensados no libro Cee y la parroquia de A Xunqueira. Apuntes para una centenaria historia (1547-2022), obra do historiador e técnico de Cultura ceense, Víctor Castiñeira, que será presentada o vindeiro sábado, día 15 ás 20.30 horas, na casa da cultura.

Quenes se sumerxan nas súas páxinas “descubrirán o rico pasado da parroquia ceense”, afirma o seu autor, destacando que “gozou dun bo número de rendas, con propiedades espalladas por toda a comarca durante os séculos da época moderna”. Paseniñamente, engade, “a Virxe da Xunqueira foi alcanzando un notable protagonismo a partir do século XVIII, cando as referencias documentais comezaron a nomear á súa igrexa parroquial como santuario”.

Un florecemento que se veu ralentizado a raíz da invasión francesa de 1809, que “tivo nefastas consecuencias para a nosa vila e o seu patrimonio histórico-artístico, especialmente para todo o que tiña que ver coa propia parroquia: tallas de santos, roupas, orfebrería en prata, e os retablos e a lámpada realizados por Domingo Antonio de Andrade”, subliña Víctor Castiñeira.

Os traballos de reconstrución da igrexa foron lentos e a devoción na Virxe, “agora cunha nova talla realizada no 1812, probablemente no taller do gran escultor Ferreiro, mantívose no ámbito máis local ata que no século XX rexurdiu con forza nun templo parroquial moito máis grande”, como resultado das ampliacións realizadas entre as últimas décadas do século XIX e o ano 1931, “que é cando adquire o seu aspecto actual”, afirma o historiador ceense.

A partir do século XIX, non só a igrexa da Virxe da Xunqueira experimentará unha grande transformación, senón que tamén a propia vila de Cee, desde a inauguración do Colexio Fernando Blanco de Lema en 1886, “medrará en todos os ámbitos ata converterse actualmente nun lugar de encontro para os veciños e visitantes da Costa da Morte pola gran cantidade de servizos que ofrece”. Castiñeira está convencido de que este Ano Xubilar adicado á Xunqueira e o recente recoñecemento do seu templo como santuario “abren unha nova páxina dunha centenaria historia na que a parroquia e a vila ceense camiñaron da man desde as súas orixes na época medieval”.

Así o reflexa neste seu novo libro ao longo das súas 430 páxinas. Unha publicación que foi impresa pola Deputación da Coruña e que ve a luz no marco do Ano Santo Xubilar da Virxe da Xunqueira 2022/23, que rematará coa coronación canónica pontificia da patroa de Cee o vindeiro 1 de maio, e que se complementará coa presentación dun documental o día 22 de abril, que afondará nos estreitos vínculos históricos da vila de Cee con Santiago de Compostela.