O Concello de Ames abre o prazo de inscrición para os campamentos de verán 2023

Este servizo está dirixido á rapazada que estea cursando os niveis de infantil, primaria, secundaria ou bacharelato

Imaxe de arquivo da saída dos veciños de Ames cara un dos campamentos estivais programados o pasado ano

Imaxe de arquivo da saída dos veciños de Ames cara un dos campamentos estivais programados o pasado ano / ECG

Redacción

O Concello de Ames publica, un ano máis, o seu programa de campamentos municipais para este verán, a través do cal se ofertan 450 prazas repartidas entre 13 campamentos con estadía nocturna, que se desenvolverán en distintas datas entre o 25 de xuño e o 4 de setembro. Organizaranse tamén dúas quendas para participar no campamento urbano da Aula da Natureza, entre o 3 e o 28 de xullo. O prazo de preinscrición estará aberto dende o 18 ata o 28 de abril. A solicitude de praza farase enviando a ficha de solicitude ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal (no caso dos campamentos de Infantil e Primaria, os de setembro, os urbanos e os de inclusión) ou a xuventude@concellodeames.gal (no caso dos de Secundaria e Bacharelato). Consulta as bases ao completo premendo nesta ligazón.

O servizo de campamentos de verán 2023 está dirixido á rapazada que estea cursando os niveis de infantil, primaria, secundaria ou bacharelato. Trátase dunha oferta lúdica e formativa de desenvolvemento persoal concibida para, de xeito progresivo, dotar aos nenos/as e mozos/as das ferramentas precisas para lograr a súa autonomía e independencia, e fomentar a convivencia, a cooperación, o respecto e un xeito saudable ao tempo que o achegando ao medio natural, ao deporte e á cultura.

Ampla oferta de campamentos para todas as idades

Os nenos e nenas de 5º e 6º de Educación Infantil poderán participar no campamento de Fervenzaventura, entre os días 3 e 5 de xullo. Ofértanse 30 prazas, e o prezo é de 90 euros.

Para os rapaces e rapazas de 1º de Primaria está programado un campamento na granxa escola de Bergando (Negreira), entre o 6 e o 8 de xullo, para o que tamén haberá 30 prazas. O prezo é, novamente, de 90 euros. Pola súa banda, os nenos e nenas de 2º de Primaria poderán gozar dunhas xornadas na granxa-escola Corazón de Carballo (Tomiño), do 26 ao 28 de xullo. Hai 35 prazas dispoñibles e o custe é de 90 euros. Os de terceiro curso viaxarán ata a granxa escola El Kiriko (Fornelos de Montes) do 23 ao 26 de xullo. Ofértanse 40 prazas, e neste caso o custe é de 125 euros.

Xa no segundo ciclo de Primaria, os nenos e nenas de 4º de Primaria poderán participar no campamento Alvarella (Fragas do Eume), do 26 ao 30 de xuño. Tamén haberá 40 prazas dispoñibles, e custará 125 euros. A rapazada de 5º irá ao Camping O Terrón (Vilanova de Arousa), do 3 ao 8 de xullo. Ofértanse 40 prazas, e o prezo é de 170 euros. Para os máis maiores da etapa, os nenos e nenas de 6º de Primaria, organízase un campamento na praia de Patos (Nigrán). Haberá dúas quendas: do 25 ao 30 de xuño e do 9 ao 14 de xullo. En cada unha das quendas ofértanse 30 prazas, e o custe do servizo é de 170 euros.

Para nenos e nenas de 8 a 14 anos desenvolverase unha segunda quenda no campamento Alvarella (Fragas do Eume) entre o 4 e 6 de agosto, para o que haberá 20 prazas dispoñibles, das cales o 50% estarán reservadas a usuarios/as con discapacidade igual ou superior ao 33%. Os menores contarán con monitores de apoio, que non realizarán tarefas sanitarias, agás aquelas relacionadas coa autonomía persoal.

Por outra banda, o alumnado de 1º e 2º da ESO poderá gozar do campamento Abrente, en Portonovo (Sanxenxo). Os rapaces e rapazas de 1º irán do 15 ao 21 de xullo, mentres que os de 2º estarán do 26 de xullo ata o 1 de agosto. En cada una desas quendas ofertaranse 35 prazas, e o custe do campamento é de 220 euros.

Para rematar, todos/as os/as que cursen 3º ou 4º da ESO ou Bacharelato poderán participar no campamento do Camping Paisaxe II, situado no Grove, do 9 ao 15 de xullo. Haberá 45 prazas dispoñibles, e custará 220 euros.

Cómpre engadir que do 30 de agosto ao 4 de setembro se celebrará unha segunda quenda do campamento na granxa escola El Kiriko, que irá dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos. O prezo do campamento será de 150 euros.

Ademais, a Aula da Natureza do Concello de Ames organiza dúas quendas para o seu campamento urbano, que está dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 16 anos. A primeira quenda realizarase do 3 ao 14 de xullo, mentres que a segunda quenda será do 17 ao 28 de xullo. Ofértanse 25 prazas por quenda e levaranse a cabo de luns a venres, en horario de 11:00 a 17:30 horas. O prezo é de 50 euros.

Campamentos de verán 2023 no Concello de Ames

Campamentos de verán 2023 no Concello de Ames / Concello de Ames

Solicitude de praza nos campamentos

A solicitude de praza para os campamentos realizarase mediante correo electrónico entre os días 18 e 28 de abril. Deste xeito, as persoas interesadas en solicitar praza para os campamentos de Infantil, Primaria, urbanos e de inclusión (segunda quenda de Alvarella) deberán enviar a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal, mentres que os/as usuarios/as que desexen participar nos campamentos de Secundaria e Bacharelato deberán enviala a xuventude@concellodeames.gal. No caso excepcional de ter que realizar a solicitude de maneira presencial, esta poderase entregar no Rexistro Xeral (Casa do Concello, Bertamiráns) ou no Rexistro das Oficinas Municipais do Milladoiro.

Está previsto que o 5 de maio se publique a lista provisional de admitidas/os na páxina web municipal e nos taboleiros oficiais do Concello, sobre a cal se poderán facer alegacións. Posteriormente, o 9 de maio publicaranse as listas definitivas.

A adxudicación de prazas realizarase de maneira directa, no caso de que a demanda non supere o número de prazas dispoñibles. No caso de que o número de prazas solicitadas supere ás ofertadas, a adxudicación realizarase mediante sorteo público, que terá lugar o 11 de maio ás 12:00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello. Os irmáns que soliciten papeleta única participarán no sorteo co mesmo número. Os/as usuarios/as que soliciten praza reservada para discapacidade igual ou superior ao 33% terán unha numeración e un sorteo propio. O resultado e a lista de agarda publicarase o 15 de maio na páxina web do Concello de Ames.

Matrícula

O prazo de matrícula estará aberto dende o 19 ata o 31 de maio. Para realizarse, débese presentar o impreso correspondente de matrícula debidamente cuberto, unha copia da tarxeta sanitaria e certificado médico (só no caso de padecer unha enfermidade que deberá ser reflectida). Se é preciso, os nenos/as que participen no campamento de Alvarella (segunda quenda) deberán entregar unha ficha de coñecemento persoal. A documentación presentarase preferiblemente a través do rexistro telemático na sede electrónica do concello ou no rexistro de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR).

Pagamento

O pagamento das taxas poderá fraccionarse en dous pagos (50% do custe de cada un). O primeiro pagamento deberá ser realizado entre o 19 e o 31 de maio, e o segundo entre o 13 e o 23 de xuño.

Os impresos para facer efectivo o pagamento enviaránselle ao correo electrónico facilitado polos/as usuarios/as na súa solicitude de praza. Tamén poden ser recollidos nas Oficinas de Recadación do Milladoiro e de Bertamiráns ou a través do correo electrónico ames@canaltributos.com.

No caso de dispor de Certificado Dixital ou DNI electrónico poderase descargar ou pagar a autoliquidación premendo nesta ligazón e seleccionando a opción “Pagar”, ou ben a través da banca electrónica de ABANCA.

Máis información

Para máis información pódese contactar coa Aula da Natureza, chamando ao número de teléfono 660 004 665 ou enviando un correo electrónico a auladanatureza@concellodeames.gal, ou ben coa Concellaría de Xuventude, chamando ao teléfono 616 083 229 ou escribindo a xuventude@concellodeames.gal. O horario de atención de ambos departamentos será de 9:00 a 14:00 horas.