Ponteceso e Cabana avogan por potenciar como novo recurso turístico a Vía Céltica

O Concello de Ponteceso programou dúas rutas polas dúas etapas deste camiño que discorren polo municipio da comarca de Bergantiños

Unhas vinte persoas participaron na primeira etapa

Unhas vinte persoas participaron na primeira etapa / c. de ponteceso

Redacción

A Vía Céltica, que agrupa os caminos marítimos de peregrinación desde os portos de arribada do noroeste de Galicia cara a Santiago, está a ser posta en valor na Costa da Morte, e especialmente, na comarca de Bergantiños, como un novo e importante recurso turístico.

Co fin de promocionar este itinerario, o Concello de Ponteceso programou dúas rutas polas dúas etapas da Vía Céltica que discorren polo municipio. Unha delas tivo lugar este sábado, e levou aos participantes dende Corme Porto a Nemeño, un percorrido de 12 quilómetros. A seguinte será o sábado, día 6 de maio, entre Nemeño e A Pontedona. Partirán ás 9.30 horas en autobús dende Corme ata o punto de partida.

Os camiñantes poderán selar a compostela nos diversos locais adheridos á Vía Céltica, ademais de coñecer o patrimonio e gozar das fermosas paisaxes que ofrecen estes itinerarios de peregrinaxe. Para máis información pódese contactar coa Área de Turismo do Concello chamando ao 981 714 000 ou ao 881 984 470, e tamén a través do email (turismoponteceso@ponteceso.net).

Pola súa banda, o Concello de Cabana de Bergantiños deu comezo aos labores de sinalización do trazado da Vía Céltica que transcorre polo termo municipal. A través destas tarefas, as persoas que decidan realizar esta ruta poderán atopar máis facilidades ao contar con indicadores ao longo dos distintos puntos polos que discorre o seu percorrido. A Vía Céltica “supón un importante impulso para a promoción turística xa que está recoñecida como ruta oficial de peregrinación a Santiago”, subliñan dende o Concello.