Un estudo conclué que os animais de Sálvora contribúen a conservar as plantas autóctonas

Cabalos salvaxes na illa ribeirense de Sálvora / p.n.m.t. das illas atlánticas

Cabalos salvaxes na illa ribeirense de Sálvora / p.n.m.t. das illas atlánticas / suso souto

A Xunta colabora nun estudo que realizan investigadores da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC e da Universidade da Coruña que confirma que os animais do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia contribúen á conservación da biodiversidade dos hábitats dispersando as sementes das plantas autóctonas. Concretamente, ao alimentarse dos froitos das propias plantas, os herbívoros da ribeirense illa de Sálvora espallan a través dos seus excrementos as sementes que inxiren polo territorio.

O traballo consistiu na análise das feces dos cabalos, cervos e coellos que habitan a zona. Realizáronse cinco mostraxes en distintas áreas da illa e en diferentes épocas do ano. Unha vez recollidas as mostras, colocáronse en bandexas e dispuxéronse nun invernadoiro para contabilizar as sementes que acababan xerminando e identificar a especie á que pertencían. En total, brotaron 4.000.

Agosto é o mes do ano no que se produce unha maior propagación de sementes, e o cabalo é o animal que máis activamente contribúe a ela.